top of page

Silleda reforza os Servizos Sociais con dúas prazas fixas para o SAF e cunha nova traballadora social

O Concello avanza na estabilización do persoal dun servizo esencial para a atención ás persoas dependentes e o apoio ás familias


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a convocatoria e as bases para a selección de dúas persoas auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en réxime de persoal laboral fixo, unha medida coa que se continúa reforzando e consolidando un dos servizos públicos máis importantes no ámbito social. A convocatoria, incluída na Oferta de Emprego Público de 2025, permitirá avanzar na profesionalización e estabilidade do SAF, garantindo unha atención de maior calidade ás persoas usuarias e unha mellor organización do servizo.

Esta actuación dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses para asegurar a correcta prestación do servizo. Así, a comezos deste ano o Concello xa activara un procedemento excepcional de contratación temporal de auxiliares co obxectivo de cubrir baixas e garantir a continuidade da atención ás persoas usuarias. Coa aprobación agora destas dúas prazas fixas, o goberno local dá un paso máis, avanzando cara á estabilización estrutural do SAF.


A este reforzo sumarase tamén nas próximas semanas a incorporación dunha nova traballadora social ao Concello de Silleda, tras superar o correspondente proceso selectivo para a cobertura dunha praza de persoal funcionario de carreira da escala de Administración especial. O tribunal elevou á Alcaldía a proposta de nomeamento de Natalia Salgado Rodríguez como candidata que superou o proceso selectivo.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca que “seguimos traballando para consolidar os servizos sociais municipais, reforzando os recursos humanos e garantindo unha atención próxima e de calidade ás persoas que máis o precisan”.


O proceso selectivo das dúas prazas de auxiliares do SAF realizarase mediante o sistema de oposición en quenda libre, garantindo en todo momento os principios de igualdade, mérito e capacidade. As persoas seleccionadas incorporaranse como persoal laboral fixo, contribuíndo a dar resposta a unha demanda crecente nun concello cunha importante poboación envellecida e con necesidades de atención no propio domicilio.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O Servizo de Axuda no Fogar constitúe unha ferramenta fundamental para favorecer a autonomía persoal e a permanencia das persoas no seu entorno habitual, ofrecendo atención directa no domicilio, apoio nas tarefas da vida diaria e acompañamento social. “As políticas sociais deben basearse na continuidade, na planificación e na estabilidade dos servizos. Este reforzo do SAF e a próxima incorporación dunha nova traballadora social van nesa dirección: mellorar a capacidade de resposta do Concello e seguir poñendo os coidados no centro da acción municipal”, engade a rexedora.


As bases da convocatoria publicaranse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na sede electrónica municipal, abríndose posteriormente o prazo de presentación de solicitudes tras a publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial do Estado.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page