Silleda reforza o punto de información catastral cun novo servizo de asistencia técnica
- Laura Moure

- 17 jul
- 2 min de lectura
Adxudica a Tirgalia un contrato anual por 16.940 euros para mellorar a atención á veciñanza e apoiar os traballos relacionados co Catastro e as faixas de protección
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de adxudicar un novo contrato de asistencia técnica para reforzar o funcionamento do Punto de Información Catastral e apoiar as actuacións
municipais relacionadas coas faixas de protección fronte aos incendios. O servizo foi adxudicado a Verónica Gómez Collazo, responsable de Tirgalia e instalada no Viveiro de Empresas Área 33 de Silleda, por un importe total de 16.940 euros, IVE incluído, e terá unha duración dun ano. A súa proposta foi seleccionada no marco do procedemento tramitado polo Concello, no que se solicitaron tres ofertas.

A asistencia permitirá reforzar a atención que se presta desde o Punto de Información Catastral, facilitando á veciñanza o acceso á información, ás consultas e aos trámites relacionados co Catastro.
Entre os traballos previstos figuran a consulta e o contraste da información catastral e cartográfica, a identificación de parcelas, a localización de persoas titulares, a comprobación de posibles discrepancias e a preparación da documentación necesaria para os expedientes municipais.
O contrato inclúe tamén apoio técnico nas actuacións relacionadas coas faixas secundarias de xestión de biomasa, especialmente naquelas parcelas situadas dentro dos núcleos ou en zonas que non están incluídas nos instrumentos de colaboración existentes con SEAGA.
Nestes casos, o servizo poderá realizar comprobacións sobre o terreo, identificación de parcelas e titulares, elaboración de fotografías, fichas, planos e informes, así como a preparación da documentación necesaria para a súa tramitación.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, explica que esta contratación permitirá “mellorar a atención á veciñanza e dar unha resposta máis áxil ás consultas e aos problemas relacionados coa información catastral”. “Moitas veces estamos ante situacións que requiren revisar planos, identificar parcelas, contrastar datos ou realizar comprobacións sobre o terreo. Contar con este apoio técnico vainos permitir axilizar os trámites e ofrecer un servizo máis completo”, sinala.
Fernández Pena destaca tamén a importancia deste traballo para as actuacións de prevención de incendios. “Para poder actuar nas faixas de protección é imprescindible saber con precisión de que parcela estamos falando, quen é a persoa titular e cal é a súa situación real. Esa identificación previa é fundamental para que os expedientes avancen con máis eficacia e seguridade xurídica”, engade.
O Concello recorre a esta asistencia externa debido a que os servizos municipais non dispoñen actualmente de persoal nin de dedicación suficiente para asumir a totalidade destas tarefas sen afectar ao funcionamento ordinario dos departamentos.
PUBLICIDADE
O servizo desenvolverase baixo a coordinación municipal e combinará a atención presencial, a revisión de expedientes, o traballo técnico de gabinete e as comprobacións de campo, en función das necesidades existentes en cada momento.
Para o goberno municipal, este novo contrato permitirá reforzar un servizo moi demandado pola veciñanza, mellorar a capacidade de resposta do Concello e avanzar cara a unha Administración máis próxima, áxil e eficaz.








Comentarios