Silleda reforza o eixo turístico Toxa–Carboeiro cunha nova sinalización da fervenza, o mosteiro e o sendeiro do Deza
- Laura Moure

- hace 7 minutos
- 3 min de lectura
A actuación inclúe cinco postes direccionais, catro paneis informativos e dúas mesas interpretativas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de completar a nova sinalización turística da Fervenza do Toxa e da súa contorna, do Mosteiro de Carboeiro e do Sendeiro do Deza, a ruta que conecta estes dous importantes recursos naturais e patrimoniais do municipio.
A actuación permite reforzar a información e orientación das persoas visitantes ao longo deste eixo turístico, facilitando os percorridos e contribuíndo ao mesmo tempo a unha mellor interpretación e posta en valor dos recursos naturais, culturais e patrimoniais da zona.

En total instaláronse cinco postes direccionais, catro paneis informativos e dúas mesas interpretativas, distribuídos en puntos estratéxicos como a contorna da Fervenza do Toxa, ao pé do inicio da ruta do Sendeiro do Deza e no Mosteiro de Carboeiro.
A nova sinalización contribúe ademais a reforzar a promoción do Sendeiro do Deza, unha ruta de dificultade baixa que permite descubrir a pé algúns dos espazos naturais e patrimoniais máis destacados de Silleda. O itinerario transcorre por zonas de especial protección e ofrece ás persoas visitantes a posibilidade de gozar dunha paisaxe de enorme valor ambiental seguindo o curso do río Deza.
PUBLICIDADE
O percorrido conecta ademais dous dos grandes referentes turísticos do municipio: a Fervenza do Toxa, unha das máis altas de Galicia en caída libre, e o Mosteiro de Carboeiro, considerado unha das grandes xoias do románico da comarca do Deza. Natureza, patrimonio e sendeirismo únense así nunha proposta especialmente atractiva para coñecer o territorio con calma e prolongar a estancia das persoas que visitan Silleda.
Deste xeito, a nova sinalización permite ofrecer unha información máis clara ás persoas que se achegan a estes enclaves e facilita a conexión entre os distintos recursos turísticos, favorecendo un percorrido máis completo polo territorio.
A intervención enmárcase na actuación “Ecoruta Galicia por dentro”, integrada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza–Tabeirós Terra de Montes, Os Camiños por Dentro, promovido e xestionado pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas. O convenio contempla un investimento máximo de 17.750,70 euros, IVE incluído, financiado ao 100 % no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – NextGenerationEU, do Estado.
PUBLICIDADE
O proxecto inclúe a instalación de elementos de sinalización turística interpretativa e direccional e recursos destinados a mellorar a accesibilidade, a orientación e a comprensión dos itinerarios e puntos de interese. Entre os obxectivos da actuación figuran tamén a mellora da experiencia turística, a posta en valor do patrimonio natural e cultural e o fomento dun uso sostible do territorio.
O Concello de Silleda colaborou na definición e localización dos elementos instalados, buscando en todo momento a súa axeitada integración no entorno. Unha vez rematada a actuación, a administración municipal asumirá tamén a conservación dos novos elementos de sinalización.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que “esta actuación permítenos seguir mellorando os servizos e recursos que ofrecemos ás persoas que nos visitan, ao tempo que reforzamos a posta en valor dun patrimonio natural e cultural que é unha das grandes fortalezas do noso municipio”.
Ademais, sinala que “o obxectivo é que quen se achegue á Fervenza do Toxa poida descubrir tamén o Sendeiro do Deza, Carboeiro e todo o patrimonio que existe arredor destes espazos, facendo da visita unha experiencia máis completa e favorecendo tamén que as persoas visitantes permanezan máis tempo no noso municipio”.
PUBLICIDADE
Neste sentido, o Concello considera especialmente importante reforzar a conexión entre a Fervenza do Toxa, o Sendeiro do Deza e o Mosteiro de Carboeiro, tres recursos complementarios que permiten combinar natureza, sendeirismo e patrimonio nun mesmo percorrido e que conforman un dos principais focos de atracción turística de Silleda.
A actuación súmase así ás iniciativas que o Concello vén desenvolvendo para mellorar a calidade da experiencia turística, ordenar e facilitar os percorridos e continuar potenciando os recursos naturais e culturais do municipio desde criterios de sostibilidade e respecto polo entorno.









Comentarios