Silleda reforza a campaña informativa sobre a limpeza de fincas cun bando nas parroquias e un código QR
- Laura Moure

- hace 7 minutos
- 2 Min. de lectura
Lembra á veciñanza a necesidade de cumprir coa normativa vixente antes do vindeiro 31 de maio para a prevención e defensa contra incendios forestais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a reforzar nestes días a campaña informativa sobre as obrigas de limpeza de fincas con motivo da prevención de incendios forestais, coa distribución dun bando en todas as parroquias do municipio no que se lembra á veciñanza a necesidade de cumprir coa normativa vixente antes do vindeiro 31 de maio.

O bando recolle as obrigas establecidas na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, no relativo á xestión da biomasa nas denominadas faixas de protección. Así, lémbrase que deben manterse limpas as parcelas situadas nunha faixa de 50 metros arredor de solo urbano, núcleos rurais e urbanizables, así como de edificacións de calquera tipo, infraestruturas de uso público e áreas recreativas.
Ademais, no mesmo documento inclúense tamén as distancias mínimas para novas plantacións respecto das pistas e vías municipais, segundo a Lei 7/2012, de montes de Galicia: 2 metros no caso de especies frondosas e 4 metros para maleza e outras especies como piñeiros, eucaliptos e acacias. Tamén se lembra a obriga das persoas propietarias de actuar sobre o arborado existente cando dificulte a circulación ou cando as raíces afecten ao viario municipal.
Publicidade
Como novidade, e co obxectivo de facilitar á cidadanía a consulta da información, o bando incorpora un código QR a través do que se pode acceder de xeito sinxelo ás chamadas faixas de protección, permitindo comprobar as parcelas afectadas. Esta información tamén pode consultarse de maneira presencial no punto de información catastral, situado na planta baixa da Casa Consistorial.
PUBLICIDADE
Desde o Concello incídese na importancia de realizar estes traballos en prazo, tanto para cumprir coa normativa como para contribuír á prevención de incendios e á seguridade das persoas, das vivendas e das infraestruturas.








Comentarios