Silleda reforza a campaña para mellorar o uso do colector amarelo e evitar residuos impropios
- Laura Moure

- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
Os colectores onde se detecten impropios serán inmovilizados e investigarase a procedencia dos residuos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través da entidade municipal Silleda Sostible, vén de reforzar a súa campaña informativa para fomentar un correcto uso do colector amarelo e reducir a presenza de residuos impropios, unha problemática que se vén detectando nos últimos tempos e que está a dificultar de xeito importante o proceso de reciclaxe.

A presenza de materiais que non corresponden neste tipo de colectores non só impide unha correcta separación dos residuos, senón que incluso chegou a provocar a paralización da cadea de tratamento na planta encargada da súa xestión, co conseguinte prexuízo ambiental e tamén económico.
Con este obxectivo, os colectores nos que se detecten impropios serán inmobilizados e abrirase un procedemento de investigación sobre a procedencia dos mesmos. Dende o Concello utilizaránse pegatinas informativas para dar conta da inmovilización de colectores amarelos, nas que ademais se advirte, co fin de chamar á responsabilidade cidadá e lembrar que no colector amarelo só deben depositarse envases lixeiros, como latas, bricks, botellas e envases de plástico, así como as posibles fraccións por facer un mal uso.
PUBLICIDADE

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, subliña que “é fundamental insistir en que reciclar non é só botar residuos nun colector, senón facelo ben. Cando no amarelo aparecen restos que non corresponden, o esforzo de moitas persoas que si reciclan correctamente vese prexudicado”. Ademais, engade que “esta campaña busca, sobre todo, informar e concienciar á veciñanza, porque unha boa separación en orixe é clave para que o sistema funcione. Pequenos erros repetidos acaban xerando un problema importante”.
Dende o Concello lémbrase que entre os residuos que non deben depositarse no colector amarelo se atopan, por exemplo, restos orgánicos, vidro, papel e cartón, xoguetes de plástico, utensilios domésticos ou calquera outro material que non sexa un envase lixeiro. Nestes casos, cada residuo debe ir ao colector correspondente ou, se procede, ao punto limpo.
Publicidade
A campaña tamén lembra que o depósito de residuos impropios pode supor unha infracción conforme á normativa vixente en materia de residuos e economía circular. Non obstante, dende o goberno municipal incídese en que o propósito desta acción é fundamentalmente preventivo e pedagóxico, facendo un chamamento á colaboración veciñal para mellorar entre todos e todas a calidade da reciclaxe no municipio. “Temos que avanzar cara a unha Silleda cada vez máis sostible, e iso pasa tamén por algo tan sinxelo e tan importante como usar ben cada colector. A colaboración da cidadanía é imprescindible para conseguilo”, sinala o edil.
O Concello de Silleda anima á poboación a resolver calquera dúbida sobre a separación de residuos e insiste en que unha reciclaxe correcta contribúe a protexer o medio ambiente, optimizar recursos e mellorar a eficacia do servizo.







Comentarios