Silleda reforza a atención ao alumnado co programa «Maré de Cambio: do conflito ao vínculo»
Aposta pola prevención, a educación emocional e o acompañamento individualizado para abordar dificultades de convivencia, absentismo, desmotivación escolar ou situacións de vulnerabilidade
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) dos Servizos Sociais municipais, reforza a súa aposta pola prevención e o benestar da infancia e da adolescencia coa posta en marcha, durante o curso escolar 2026-2027, do programa Maré de Cambio: do conflito ao vínculo, unha iniciativa de intervención socioeducativa que busca ofrecer unha resposta integral, personalizada e coordinada ante situacións que poidan afectar ao desenvolvemento persoal, emocional, educativo e social do alumnado.
A educadora social do Concello xa trasladou aos centros educativos do municipio a información relativa ao funcionamento deste programa, que nace coa vocación de estreitar a colaboración entre a comunidade educativa, as familias e os Servizos Sociais, favorecendo a detección temperá de dificultades e a posta en marcha de medidas de acompañamento adaptadas a cada caso.

A iniciativa está dirixida a nenos, nenas e adolescentes escolarizados nos centros educativos de Silleda que poidan precisar apoio socioeducativo por dificultades de convivencia, conflitos entre iguais, problemas de regulación emocional, absentismo ou risco de absentismo, desmotivación académica, dificultades de adaptación escolar, situacións familiares complexas ou outras circunstancias que interfiran no seu benestar.
Un dos principais elementos diferenciadores de Maré de Cambio é a súa filosofía de intervención. O programa parte da idea de que detrás de determinadas condutas ou conflitos poden existir factores emocionais, persoais, familiares ou sociais que é necesario comprender e abordar, superando así unha resposta centrada exclusivamente na disciplina ou na corrección de comportamentos.
Deste xeito, búscase transformar as dificultades en oportunidades de aprendizaxe, promovendo a autonomía, a responsabilidade, a autoestima, a capacidade para xestionar as emocións e o desenvolvemento de relacións máis positivas.
Unha intervención próxima, individualizada e coordinada
Unha das características fundamentais deste programa é que as intervencións individuais se desenvolverán, sempre que sexa posible, nos propios centros educativos, facilitando que o alumnado reciba o acompañamento nunha contorna próxima, coñecida e cotiá.
PUBLICIDADE
A incorporación ao programa partirá da detección dunha posible necesidade por parte dos centros educativos ou doutros axentes implicados e dunha posterior valoración por parte da educadora social do SEAF. A participación non será automática, senón que se analizarán previamente as circunstancias de cada caso e se manterá contacto coa familia.
A partir desta valoración, e cando se considere adecuada a incorporación, elaborarase un Proxecto Individualizado de Intervención Socioeducativa, no que se establecerán os obxectivos, as actuacións e o seguimento que se realizará con cada menor.
O programa aposta especialmente polo traballo en rede, de maneira que os centros educativos, as familias e os Servizos Sociais poidan actuar de forma coordinada, respectando as competencias de cada ámbito e garantindo en todo momento a confidencialidade.
Tamén actividades grupais sobre convivencia, emocións e redes sociais
Ademais da atención individualizada, Maré de Cambio contempla a organización de actividades grupais nos centros educativos, deseñadas en función das necesidades que se vaian detectando ao longo do curso. Estas actuacións poderán abordar cuestións como a prevención do acoso escolar e do ciberacoso, a resolución pacífica de conflitos, a educación emocional, a autoestima, as habilidades sociais, a diversidade, a prevención de condutas de risco, a presión do grupo de iguais ou o uso responsable das redes sociais.
Non se trata, polo tanto, dunha programación pechada de obradoiros, senón dunha proposta flexible que permitirá dar resposta a situacións concretas identificadas polos propios centros, adaptando tanto os contidos como a metodoloxía ás características do alumnado.
PUBLICIDADE
Reforzar a prevención e o benestar da mocidade
Desde o goberno municipal destácase a importancia de contar con recursos que permitan actuar antes de que determinadas dificultades se agraven ou se convertan en situacións de maior complexidade. A concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, subliña que "con este programa queremos reforzar o acompañamento aos nosos nenos, nenas e
adolescentes, entendendo que detrás dun conflito ou dunha dificultade de comportamento pode haber unha situación persoal ou emocional que precisa atención, comprensión e apoio".
Troitiño destaca tamén a importancia da implicación das familias e dos centros educativos: "A prevención e o traballo coordinado son fundamentais. Queremos que os centros educativos saiban que contan cun recurso municipal de apoio e que as familias atopen nos Servizos Sociais un espazo de acompañamento e orientación".
PUBLICIDADE
Neste sentido, a edil pon en valor o labor que se desenvolve desde o SEAF municipal e a aposta por achegar os recursos públicos á realidade diaria da infancia e da adolescencia, traballando non só sobre as dificultades, senón tamén sobre as capacidades e fortalezas de cada persoa.
Maré de Cambio desenvolverase ao longo do curso escolar 2026-2027, cunha metodoloxía flexible e unha avaliación continua que permitirá adaptar as intervencións ás necesidades detectadas e á evolución de cada participante. "Porque o cambio é posible" é a mensaxe que acompaña esta iniciativa, baseada nun principio fundamental: a conduta pode cambiar, as relacións poden repararse e as competencias poden aprenderse.
As persoas que desexen obter máis información sobre o programa poden dirixirse ao SEAF dos Servizos Sociais do Concello de Silleda, a través do teléfono 986 592 037.










Comentarios