Toño González Abal acometeu os traballos de restauración desta obra, sufragados polo Concello
Laura Moure/Silleda
O mural do pan de Silleda volve a lucir en todo o seu esplendor despois dos traballos de restauración acometidos polo seu autor, o artista silledense Toño González Abal da firma Coas Mans Artesanía, nas últimas semanas. Situado na praza de Benito Rivas, este mural, vén a poñer en valor o traballo e a tradición das panaderías no municipio.

Á reestrea do mural, restaurado agora con fondos municipais, asitiron ademais do autor e restaurador, o alcalde, Manuel Cuiña, a concelleira de Cultura, Mónica González, e o propio Magencio Pérez Couto, máis coñecido como Magencio de Aguirre, ao que se retrata nesta obra.
O protagonista
Magencio, que rexentou durante 50 anos xunto coa súa dona a panadería de Aguirre, que se mantivo aberta ata o ano 2000, simboliza neste mural a homenaxe de Silleda a este colectivo, co mural promovido pola Asociación veciñal Olaia que se inaugurou o 27 de setembro de 2009. Ese día celebrouse na propia praza unha festa veciñal na que participaron e colaboraron todas as panaderías do municipio amosando o seu bo facer durante moitos anos.
O escritor Xose Lois Ripalda, autor do libro “A cultura tradicional do pan” fixo durante aquela xornada unha semblanza histórica e cultural deste alimento básico da humanidade e resaltou que o mural de Silleda é a primeira homenaxe plástica que se fixo en Galicia na praza dunha vial ao pan e ás panaderías.
Nunha placa colocada á beira da pintura na que se explica o devir desta homenaxe, tamén figura o agradecemento e recoñecemento póstumo a Elvira de Cridre, que cedeu a parede na que se atopa o mural. O alcalde, Manuel Cuiña, destacou que esta creación, xunto con outras realizadas por González Abal, forman xa parte da identidade de Silleda, polo que dende o Concello se aposta por continuar cas reparacións necesarias destes murais. O pasado ano xa se reparou tamén o da música, instalado na praza da Igrexa.
Comments