Silleda queda incorporada ao Sistema VioGén de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero
- Laura Moure

- 17 sept 2025
- 2 min de lectura
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica onte o convenio ca Secretaria de Estado de Seguridade
Laura Moure/Silleda
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou onte a resolución pola que se fai oficial o convenio entre a Secretaría de Estado de Seguridade e o Concello de Silleda para a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero (VioGén). Deste xeito, Silleda convértese formalmente nun dos concellos adheridos a esta ferramenta, creada polo Ministerio do Interior en 2007 para dar unha resposta máis eficaz na protección das vítimas de violencia machista.

A alcaldesa, Paula Fernández, salientou que esta publicación “supón a culminación dun proceso que iniciamos coa Xunta de Seguridade Local e que reforza o compromiso do Concello de Silleda coa loita contra a violencia machista”. “A nosa prioridade é protexer ás mulleres e ás súas familias e con VioGén damos un paso adiante: protocolarizamos a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, e melloramos a coordinación co resto de administracións”, engadiu a rexedora, quen subliñou que “o que estamos facendo é un exercicio de responsabilidade en beneficio das mulleres e de toda a veciñanza de Silleda”.
PUBLICIDADE
O acordo adoptouse na Xunta de Seguridade Local celebrada o pasado mes de maio, na que ademais da alcaldesa e do subdelegado do Goberno, Abel Losada, o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, mandos da Benemérita, a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, persoal do CIM e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez. Nesa reunión asinouse tamén o protocolo de colaboración entre a Comandancia e o Concello.
PUBLICIDADE
Ademais de contar con 13 casos activos a día de hoxe, en Silleda tamén existen 5 ordes xudiciais de protección . Desde 2018, o Concello de Silleda recibiu 32.546 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, fondos que se incrementarán a partir de agora grazas á adhesión a VioGén.








Comentarios