top of page

Silleda proxecta a renovación do parque infantil da Bandeira, cun investimento de case 100.000 euros

28 may 2022
3 min de lectura

Proponse a ampliación en 80 metros cadrados, a integración dos carballos nos xogos e unha temática relacionada co universo


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda levará a cabo a renovación e ampliación do parque infantil da Bandeira, un espazo moi utilizado polas familias da localidade e arredores e que acusa un notable deterioro nos últimos anos. Trátase dun concorrido espazo público que conta con elementos de xogo moi deteriorados polo uso e o paso do tempo. Con este proxecto búscase renovar todo o espazo adicado a parque infantil, que a día de hoxe ocupa

unha superficie de 200 metros cadrados.


“Cremos que a mellora deste espazo é unha necesidade, xa que se trata dun dos parques máis antigos e está situado nunha zona á que acuden numerosas familias”, explica o alcalde, Manuel Cuiña. O orzamento total é de 98. 688 euros. Dende o goberno municipal

agárdase que a renovación do parque se poida materializar a través desta convocatoria, “para a necesaria dotación deste parque que utilizan moitos nenos e nenas da vila”, indica o alcalde.


Así mesmo o parque ampliarase en 80 metros cadrados máis cara ao leste e, creándose así mesmo unha segunda entrada dende a rúa do Entroido. Renovarase todo o pavimento e darase un contido temático, relacionado co universo, a este espazo de xogo, que busca tamén integrar aos carballos do recinto, os únicos que quedan en toda a praza da localidade.

Das tres árbores existentes, será preciso ademais retirar un dos carballos que está xa seco, por motivos de seguridade. Os outros dous integraranse e cobrarán protagonismo, poñéndoos en valor cos novos elementos de xogo. Tamén se propón un pequeño xardín no acceso que acompañe e suavice o límite do parque cas beirarrúas, así como a instalación de bancos.


Entre os elementos de xogo novos figura unha estrutura hexagonal con seis entradas para distintos xogos, cama elástica, muelle, columpio colectivo tipo trainera en estrutura de madeira tratada e semiesferas no pavimento. Segundo figura no proxecto será un espazo no que os nenos e nenas poidan tamén estimular a imaxinación. O proxecto xa foi presentado á liña de subvencións da Consellería de Vicepresidencia para a creación e/ou mellora das insfraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, ao igual que se fixo no ano 2020 co parque de Silleda.


Humanización do entorno, no DUS 5000

Por outra banda, a humanización e mellora da praza Juan Salgueiro da Bandeira e o seu entorno foi presentada ao programa estatal do DUS 5000, de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto atópase en fase de tramitación e dende o Concello de Silleda agárdase que a aprobación se poida materializar en breve.


No caso da mellora da praza da Bandeira, o proxecto de actuación redactarase a través da subvención do Plan Ágora da Deputación. Dende o Concello de Silleda presentouse a iniciativa ao programa estatal a fin de lograr financiación para executar a obra, cunha axuda estimada a través do IDAE de máis de 800.000 euros, co que o investimento total nesta zona da Bandeira rondaría a cantidade de 1 millón de euros.

No proxecto de mellora incluirase a dotación doutros elementos de xogo en distintos puntos da praza para a infancia e a mocidade. A mellora tanto da praza da Bandeira como das rúas do seu entorno, busca rexenerar o centro da vila, con distintas propostas que tamén teñen á mobilidade peonil e ao aforro enerxético como protagonistas. O proxecto atópase en fase de tramitación e dende o Concello de Silleda agárdase que a aprobación se poida materializar en breve. “Estas convocatorias supoñen unha importante oportunidade para municipios como Silleda, por iso seguiremos traballando para conseguir a través deles financiación para levar a cabo máis iniciativas”, explica Cuiña que recalca que “grazas á boa situación financieira do Concello de Silleda se poden optar ás subvencións con fondos europeos como neste caso”, engade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page