Silleda presenta ao Plan Vía DePo un proxecto de 228.000 euros para mellorar vías en Breixa e Parada
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 3 min de lectura
A actuación permitirá reparar firmes deteriorados polas choivas do inverno nos núcleos de Portodabalde, Redemuíños, Souto Nogueira, e tamén no lugar de O Outeiro, en Breixa
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de presentar ao Plan Extraordinario Vía DePo da Deputación de Pontevedra o proxecto de mellora de varios viais municipais nas parroquias de Breixa e Parada, cun orzamento base de licitación de 228.717,52 euros, IVE incluído. Esta liña de axudas provincial foi publicada no apartado de subvencións da Deputación o pasado
28 de abril e está dirixida a financiar actuacións na rede viaria municipal dos concellos da provincia.
O proxecto ten como obxectivo reparar e reforzar o firme de camiños de titularidade municipal que presentan un importante deterioro, agravado polos episodios de choivas intensas rexistrados durante o pasado inverno.
PUBLICIDADE
As actuacións previstas localízanse nos núcleos de Portodabalde, Redemuíños e Souto Nogueira, na parroquia de Parada, e no lugar de O Outeiro, na parroquia de Breixa. Trátase de vías que, ademais de dar acceso a estes núcleos rurais desde a PO-534 e a EP-6506, tamén prestan servizo a explotacións gandeiras, parcelas agrícolas e superficies forestais da contorna.
Estes viarios soportan un tránsito crecente de vehículos vinculados ao transporte de animais, maquinaria agrícola e subministracións para explotacións gandeiras. Esta situación, unida á exposición continuada áscondicións meteorolóxicas adversas e aos danos derivados das choivas persistentes no último inverno, xeadas e temporais de vento, provocou un deterioro progresivo da capa de rodadura, afectando á seguridade e
comodidade da circulación.
A proposta de actuación contempla a rehabilitación superficial dos firmes mediante a aplicación dunha nova capa de rodadura barrido da superficie, rego de adherencia e fresado dos entronques con outras vías para igualar rasantes. Tamén se prevé a mellora do drenaxe lonxitudinal coa limpeza das cunetas existentes e o acondicionamento das marxes nos treitos necesarios. O prazo de execución previsto para as obras é de dous meses, cun prazo de garantía dun ano desde a recepción dos traballos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que este proxecto “responde a unha necesidade real detectada no rural, onde as vías municipais teñen un papel fundamental para a mobilidade diaria da veciñanza e tamén para a actividade agrogandeira”. Fernández sinalou que “as choivas do inverno agravaron o estado dalgúns camiños que xa soportaban unha importante carga de tráfico, polo que esta actuación permitirá mellorar a seguridade, a funcionalidade e a calidade dos accesos”.
PUBLICIDADE
A rexedora lembrou ademais que “o mantemento da rede viaria municipal é unha prioridade para o goberno local, especialmente nun concello como Silleda, cunha ampla extensión territorial e cunha forte presenza de núcleos rurais e explotacións agrogandeiras”. Neste sentido, agradeceu á Deputación de Pontevedra a posta en marcha de liñas como o Plan Vía DePo, que segundo a información publicada sobre a súa presentación está dotado con 8 millóns de euros para a reparación de estradas e camiños municipais en concellos de menos de 50.000 habitantes.
“Agardamos que esta solicitude poida ser atendida para poder executar canto antes unhas obras que son moi necesarias para a veciñanza de Parada e de Breixa, pero tamén para o conxunto da actividade económica vinculada ao rural”, engadiu Paula Fernández.

Actuacións en Laro, Moalde, Escuadro e Chapa
Por outra banda, a día de hoxe o Concello de Silleda está a executar obras de mellora en viais de Chapa, no lugar de Sestelo (Escuadro), en Eirexe (Moalde) e tamén no lugar de Forcas, na parroquia de Laro, con mellora dos accesos a estas localidades.








Comentarios