Silleda presenta ao Plan Provincia Extraordinaria o proxecto de reforma da Escola de Música Municipal
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 3 Min. de lectura
Xa conta cunha axuda da Xunta e agora busca completar a financiación para executar unha obra considerada estratéxica cun orzamento que supera os 900.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de presentar á convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra o proxecto de remodelación integral da Escola de Música Municipal, unha actuación clave no ámbito cultural e educativo local. Con esta solicitude, o Concello busca completar a financiación necesaria para acometer a obra, que xa conta cunha achega concedida pola Xunta de Galicia a través do Fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para proxectos estratéxicos de Galicia.
O proxecto, denominado “Rehabilitación e mellora da accesibilidade da Escola de Música Municipal de Silleda”, contempla a substitución da cuberta, a instalación dun ascensor, a mellora do illamento térmico e acústico, a redistribución dos espazos docentes e de ensaio e a renovación integral das instalacións interiores.
Con esta intervención eliminaránse barreiras arquitectónicas, incorporando un ascensor e accesos adaptados, e mellorarase o aillamento térmico e acústico, imprescindible para a práctica musical. Renovarase a cuberta, carpintería interior e exterior, entre outros e dotarase ao edificio de novos aseos. Tamén se redistribuirán os espazos docentes e se ampliará a sala de ensaio, garantindo condicións axeitadas e se moderinizarán en xeral as instalación, adaptándoas aos estándares actuais dun centro educativo musical.

A Escola de Música Municipal de Silleda, inaugurada en 2016 no edificio que ocupaban as oficinas da Fundación Semana Verde, -logo do histórico acordo entre esta entidade e o Concello para a compensación de débedas- constitúe un dos motores culturais e formativos do municipio e da comarca.
O edificio, dos anos 80, consta de varias plantas (semisótano, planta baixa, primeiro planta e baixo cuberta. Non obstante, e pese a que para a súa reapertura como escola de música dende o Concello se fixeron distintos investimentos (creación da aula de ensaio e dotación doutros espazos), o centro presenta carencias notables en materia de accesibilidade, illamento térmico e acústico, así como espazos que non foron deseñados
especificamente para o uso docente. Por iso, esta intervención suporá unha auténtica remodelación integral, coa creación dun centro moderno, adaptado e funcional para a práctica musical.
A actuación tamén aposta por mellorar as prestacións de eficiencia enerxética (co aillamento en fachadas, solos e cubertas) e a renovación de todas as ventás. Tamén se mellora a conservación do mesmo co cambio de cubrición da cuberta, protección dos revestimentos exteriores, ou cambio da rede de saneamento interior, entre outros.
O proxecto final contempla un orzamento de licitación de 980.645, 36 euros para a execución dos traballos. Con esta actuación, o Concello dá un paso decisivo na consolidación da Escola de Música como proxecto estratéxico de futuro, reforzando a súa función como servizo público esencial e como motor cultural, social e económico da vila.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “a Escola de Música é un dos proxectos máis emblemáticos e con maior proxección social do noso municipio, polo que completar a financiación é unha prioridade”. “Esta é unha actuación estratéxica para Silleda —explicou a rexedora— porque non se trata só dunha mellora de infraestruturas, senón dun investimento que reforza a educación, a cultura e a cohesión social. A Escola é un motor de vida para a vila, un espazo de aprendizaxe e encontro para centos de familias”.
A alcaldesa subliñou tamén que “a colaboración entre administracións é esencial para facer realidade proxectos coma este, que teñen un impacto directo na cidadanía e que fortalecen o noso tecido social e cultural”. Cunha matrícula que supera os 200 alumnos e alumnas, a Escola de Música Municipal é un referente educativo e artístico en toda a comarca do Deza, e a súa actividade serve de base ás agrupacións musicais locais —Banda Municipal, Banda Xuvenil, Banda Infantil e grupos de acordeóns e gaitas—, ademais de promover concertos, intercambios e programas de colaboración con outras vilas.







Comentarios