top of page

Silleda pon en marcha “Silleda+65”, un novo programa de voluntariado sénior ligado a Silleda Dinamiza

hace 8 minutos
3 min de lectura

A iniciativa comeza este mes con obradoiros de memoria e sesións sobre coidados e hixiene nas persoas maiores impartidas por profesionais xubilados

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda porá en marcha este mes Silleda+65, un novo programa municipal de voluntariado sénior co que se pretende poñer en valor a experiencia, os coñecementos e a vontade de participación das persoas xubiladas do municipio. A iniciativa nace vinculada ao programa Silleda Dinamiza, co que o Concello iniciou recentemente unha experiencia piloto en Escuadro para impulsar novos usos e actividades nos equipamentos municipais do rural e favorecer unha programación descentralizada e próxima á veciñanza.


Silleda+65 incorpora agora unha nova vertente a esta filosofía: facer das persoas maiores non só destinatarias das actividades, senón tamén protagonistas activas na súa organización e desenvolvemento. O programa botará a andar con dúas primeiras propostas impartidas por persoas xubiladas que manifestaron a súa vontade de colaborar coa comunidade.

Por unha banda, o vindeiro 15 de outubro iniciarase unha programación de obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, que se desenvolverán ata o mes de maio agrupando o territorio municipal, inicialmente, en 4 localidades. Así, impartirase sesión, de balde para toda a veciñanza, os luns en Cira e Lamela e os venres en Escuadro e Cortegada.


As sesión, impartidas por unha docente, incluirán exercicios relacionados coa memoria, a atención, a concentración, a linguaxe, o cálculo ou o razoamento, ademais de servir como espazo de encontro e socialización.


Por outra banda, un enfermeiro xubilado percorrerá distintas localidades do rural para impartir sesións divulgativas sobre coidados e hixiene nas persoas maiores, nas que se abordarán cuestións prácticas relacionadas co benestar, os hábitos saudables, os coidados básicos e a prevención de riscos no día a día.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

O Concello concibe estas dúas actividades como o punto de partida dun programa con vocación de continuidade e crecemento, aberto á incorporación de novas persoas voluntarias e de novas propostas. A través de Silleda+65 poderanse desenvolver no futuro iniciativas relacionadas con outros ámbitos, nos que as persoas participantes poidan compartir coñecementos e experiencias coa veciñanza.


Desde o Concello trabállase ademais coa idea de ir configurando progresivamente unha especie de banco de saberes sénior, no que persoas xubiladas interesadas en colaborar poidan indicar os seus coñecementos, profesións ou habilidades e participar en accións de carácter comunitario.


A programación desenvolverase preferentemente en centros sociais, locais veciñais e outros equipamentos das parroquias, co obxectivo de achegar as actividades ao rural e favorecer a participación das persoas que teñen máis dificultades para desprazarse aos principais núcleos.


O Concello encargarase da coordinación das persoas voluntarias, dos calendarios, dos espazos e da relación co tecido asociativo, que terá tamén un papel fundamental á hora de detectar intereses, necesidades e posibles participantes.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Con esta nova iniciativa, o goberno local pretende avanzar nun modelo de envellecemento activo, participación social e dinamización comunitaria, aproveitando un dos recursos máis valiosos cos que conta Silleda: a experiencia das súas persoas maiores. “Silleda+65 nace precisamente para iso: para crear canles que permitan seguir participando, compartindo e facendo comunidade. Hai moitas persoas xubiladas con coñecementos, experiencia e ganas de colaborar, e pensamos que é importante darlles a oportunidade e o espazo para facelo”, sinalan desde o Concello.


O programa irá ampliándose progresivamente en coordinación con Silleda Dinamiza, que seguirá incorporando novas actividades e propostas para a veciñanza nas distintas parroquias do municipio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page