top of page

Silleda pide á Xunta que determine as medidas ambientas en Campomarzo tras a renuncia de Bander

20 sept
4 min de lectura

A administración municipal tamén se personou no expediente e comunicou a Bander que non acepta unha transferencia unilateral das obrigas vinculadas á instalación


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda xa se dirixiu formalmente á Xunta de Galicia para reclamar un pronunciamento urxente e expreso sobre a situación administrativa do vertedoiro de Campomarzo, despois de que o proxecto de ampliación da instalación recibise unha

declaración de impacto ambiental desfavorable e de que Bander Residuos comunicase a súa renuncia á autorización ambiental integrada.


A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 28 de abril de 2026 puxo fin ao procedemento de modificación substancial da autorización ambiental integrada, ao terse formulado unha declaración de impacto ambiental desfavorable respecto da ampliación e adaptación promovida por Bander.

Campomarzo. Fonte: Concello de Silleda.
Campomarzo. Fonte: Concello de Silleda.

Nos últimos días, Bander comunicou ao Concello que presentara ante a Xunta unha renuncia expresa e inmediata á AAI (Avaliación Ambiental Integrada) e sostivo que non lle correspondía continuar asumindo as tarefas de mantemento, vixilancia e control, reclamando que fose o Concello quen asumise ou encargase esas obrigas e promovese o selado e clausura da instalación.


Ante esa situación, o Concello de Silleda xa adoptou dúas actuacións formais. Por unha banda, trasladou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade unha solicitude urxente de inspección da instalación, adopción de medidas transitorias e determinación das responsabilidades derivadas do cesamento comunicado por Bander.


Por outra, personouse como parte interesada no expediente autonómico e solicitou á Xunta que non resolva sobre a renuncia sen audiencia previa ao Concello, que non se devolva o aval de 271.256 euros mentres non queden garantidas as obrigas de mantemento, vixilancia, selado e postclausura, e que a resolución determine expresamente a quen corresponden esas responsabilidades.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Que medidas hai que adoptar agora

O Concello considera que, unha vez denegada a ampliación e comunicada a renuncia da empresa, a prioridade debe ser evitar calquera baleiro de control, mantemento ou vixilancia ambiental.


A solicitude municipal inclúe cuestións como o control de accesos, a prevención de novos vertidos, o seguimento de lixiviados, augas e gases, a seguridade da instalación, o mantemento do programa de vixilancia ambiental e as actuacións necesarias de cara ao selado, clausura e postclausura.


A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinala que “A ampliación non superou a avaliación ambiental e agora a empresa comunica que pretende deixar de asumir as actuacións que viña realizando. Nesa situación, a Xunta debe determinar con claridade cales son as medidas que hai que adoptar, quen está obrigado a executalas e como se garante que o vertedoiro non quede sen control ambiental.”


O Concello non acepta asumir automaticamente as obrigas

O Concello xa respondeu tamén formalmente a Bander Residuos deixando constancia de que non acepta a atribución unilateral das obrigas de mantemento, vixilancia, control, selado, clausura, financiamento ou postclausura da instalación, como pretende a empresa no seu comunicado.


A documentación municipal lembra que Bander figura como titular da autorización ambiental integrada desde decembro de 2020 e que a resolución de abril de 2026 puxo fin ao procedemento de ampliación, pero non consta que esa resolución autorizase o peche do vertedoiro, extinguise a AAI orixinaria nin trasladase ao Concello as obrigas ambientais vinculadas á instalación.


Por este motivo, será a Administración ambiental competente a que deberá determinar formalmente quen figura actualmente como titular e entidade explotadora, que obrigas seguen vixentes e a quen corresponde o seu cumprimento.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Requirimento directo a Bander

O Concello requiriu ademais á empresa para que, nun prazo de cinco días hábiles, comunique a situación actual da instalación, a última actuación de Mantemento ou control realizada, os últimos informes e analíticas dispoñibles do programa de vixilancia ambiental e calquera incidencia coñecida que poida supoñer un risco ambiental ou para a seguridade das persoas.


A administración municipal considera especialmente relevante esta información porque a propia Bander recoñece ter realizado entre 2021 e 2026 actuacións de mantemento, control e vixilancia por esixencia da Administración autonómica.


O aval de 271.256 euros

Outro dos puntos trasladados á Xunta é a situación do aval constituído por Bander. O Concello solicitou que non se acorde a súa devolución mentres non quede garantido o cumprimento das obrigas ambientais pendentes, entre elas as relacionadas co mantemento, vixilancia, selado, clausura e postclausura.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A alcaldesa engade que “antes de liberar calquera garantía económica ten que quedar claro que obrigas están pendentes, quen debe asumilas e que recursos existen para asegurar que se cumpren. O Concello non vai aceptar que unha renuncia deixe sen cobertura responsabilidades ambientais que aínda non están resoltas.”


Á espera da resposta da Xunta

O Concello queda agora á espera do pronunciamento da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade sobre a renuncia presentada por Bander, as medidas que deben manterse ou adoptarse, o eventual procedemento de clausura e selado e a identificación das persoas ou entidades responsables.


A administración municipal insiste en que o obxectivo é garantir a protección ambiental e a seguridade da instalación, evitando que a situación creada derive nun período de abandono ou falta de seguimento. A entidade local xa solicitou tamén unha reunión cos responsables da concelleria para avaliar de xeito presencial esta situación.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page