top of page

Silleda licita obras en camiños municipais de Sestelo, O Castro, Moalde, Laro e Chapa

O pavillón municipal César G. Fares permanecerá pechado ao público durante as xornadas do venres 7 e sábado 8 de novembro por traballos de mantemento


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de sacar a concurso, trala súa aprobación en Xunta de Goberno Local, unha nova actuación para mellorar a rede viaria municipal nos núcleos rurais de Chapa e Sestelo (parroquia de Escuadro), Eirexe (en Moalde), Penanegra (en O Castro) e

Forcas (na parroquia de Laro). Trátase de tramos moi deteriorados, nos que se actuará con cargo á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra deste ano. O orzamento de licitación é de 99. 914,93 euros (IVE engadido) e o prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro día 24 deste mes.


Os recursos para acometer esta novas obras no rural obtivéronse grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia para a cofinanciación da Avenida do Parque, unha actuación que permite liberar 104.000 euros do Plan Máis Provincia da Deputación para acometer agora estas novas melloras no rural, así como para financiar o proxecto técnico e a dirección de obra.


A rexedora sinala que “a xestión ordenada dos recursos municipais nos permite planificar e executar investimentos con eficiencia e criterio”. As intervencións previstas inclúen, de xeito xeral, a mellora da capa de rodadura mediante a aplicación dunha mestura bituminosa en quente de 5 a 6 centímetros, tras un barrido superficial e rego de adherencia. Así mesmo, fresaranse os entronques con outras vías para garantir o correcto encaixe das novas capas.

Foto de arquivo.
Foto de arquivo.

En Chapa acondicionaranse o arranque da pista no acceso á igrexa, na zona que conecta coa N-525, nun tramo con importantes escorrentías de auga que afectan ás vivendas próximas. A actuación resolverá o problema coa instalación dun drenaxe central e unha embocadura ampliada na propia estrada nacional.


En Sestelo na parroquia de Escuadro completarase o acondicionamento do acceso a varias explotacións e vivendas, para completar el asfaltado de una zona de ampliación do propio vial que fora cedida por los propios veciños.


Na parroquia de Moalde acometerase a mellora de varios tramos, que dan acceso á igrexa, un tramo que quedara sen reparar en anteriores intervencións e que agora se completará para mellorar a circulación.


En Penanegra, na parroquia de O Castro, actuarase sobre un tramo de 222 metros que serve de acceso a varias vivendas unifamiliares.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Finalmente, en Forcas, na parroquia de Laro, executarase un novo firme de formigón armado nun tramo de 160 metros, entre vivendas do núcleo, debido á estreiteza do vial. O firme actual atópase moi deteriorado e será substituído por un novo pavimento de formigón HF-3.5 cun espesor de 15 centímetros.


As actuacións tamén inclúen a limpeza e execución de obras de drenaxe longitudinal, cunetas transitables revestidas de formigón e, en zonas puntuais, colocación de tubos de PVC de 400 e 315 mm para garantir o correcto desaugue en treitos con presenza de augas superficiais. Estas intervencións forman parte da aposta do goberno municipal por mellorar a seguridade e accesibilidade viaria nos núcleos rurais do municipio, atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas de Silleda, e que ven a complementar nesta anualidade as obras que se están a levar a cabo noutras parroquias.


Por outra banda, o Concello de Silleda informa de que, con motivo dos traballos de mantemento e posta a punto do parqué da pista deportiva, o pavillón municipal César G. Fares permanecerá pechado ao público durante as xornadas do venres 7 e sábado 8 de novembro .


Estas tarefas forman parte das actuacións de conservación das instalacións deportivas municipais, co obxectivo de mellorar a seguridade e o confort das persoas usuarias. Dende a Escola de Patinaxe tratarase de recuperar, na medida dos posible, as sesións da xornada do venres. "Desde o Concello agradecemos a comprensión de clubs, deportistas e veciñanza, e lembramos que o pavillón volverá estar operativo con normalidade a partir do domingo".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page