Silleda leva por primeira vez iluminación pública a puntos sen acceso á rede eléctrica con farolas solares
- Laura Moure

- hace 1 hora
- 3 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de completar a instalación de novas farolas solares en diferentes puntos das parroquias de Siador, Graba, Negreiros, Fiestras e Abades. Unha actuación que permite dotar de iluminación pública nos lugares de O Souto en Siador, Ribeirao en Negreiros, Toiriz en Silleda, Vilar e Pedrouzo en Graba, Barcia en Fiestras, y A Bouza en Abades onde, ata o de agora, era técnicamente inviable levar subministración
eléctrica mediante sistemas convencionais, permitindo así que veciños e veciñas teñan iluminación preto dos seus fogares.

Estas novas luminarias funcionan de forma autónoma grazas á enerxía solar, polo que non precisan conexión á rede eléctrica nin instalación de cableado, o que permite dar solución a puntos illados ou de difícil acceso, garantindo ao mesmo tempo un sistema eficiente e sostible.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou que “con esta actuación damos resposta a demandas veciñais históricas en zonas onde, polas súas características, era inviable levar a rede eléctrica convencional. As farolas solares permítennos mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza apostando ademais por un modelo enerxético máis sostible”.
Publicidade
Esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora e modernización do alumeado público no conxunto do municipio. Neste sentido, o Concello está a levar a cabo unha revisión integral do estado da rede existente, co obxectivo de reducir o número de avarías e mellorar a súa fiabilidade.
Ata o de agora, boa parte da rede de alumeado público discorría empregando infraestruturas pertencentes á empresa Hidroeléctrica de Silleda, con tendidos que en moitas ocasións atravesaban fincas privadas ou zonas con abundante vexetación. Esta situación dificultaba tanto o acceso como a intervención inmediata en caso de incidencia, prolongando os tempos de resposta ante calquera avaría.
Para resolver esta problemática, o Concello está a desenvolver, a través do programa “Silleda é Luz”, a instalación de novos postes e liñas de cableado situadas a pé de viario municipal, o que permitirá garantir unha rede máis accesible, segura e independente.
Tamén no marco desta estratexia, finalizou o proceso de substitución de todas as luminarias, polo que na actualidade o 100% do territorio municipal conta xa con tecnoloxía LED, máis eficiente, sostible e cun menor custo de mantemento. Esta transformación permitiulle ao Concello, recuperar e aproveitar os CAES (Certificados de Aforro Enerxético) xerados pola mellora da eficiencia do sistema de alumeado público, convertendo ese aforro enerxético en novos investimentos directos para o municipio.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Grazas a estes recursos e aos aforros obtidos, o Concello puido atender e resolver un total de 32 peticións veciñais de novos puntos de luz, ampliando a rede de alumeado público en distintos lugares do rural e levando iluminación a espazos que, ata o de agora, carecían deste servizo.
“Estamos a reinvestir directamente en Silleda os recursos xerados pola mellora da eficiencia enerxética. A recuperación dos CAES, permítenos transformar o aforro en novas infraestruturas e novos puntos de luz, mellorando a seguridade e a calidade de vida da veciñanza e garantindo que o avance do municipio se traduza en beneficios reais para todos os veciños e veciñas”, sinalou a rexedora.
Na actualidade, o Concello segue recibindo novas solicitudes de instalación de luminarias, que están a ser analizadas polos servizos técnicos municipais para avaliar a súa viabilidade e continuar ampliando a rede de forma ordenada, eficiente e acorde ás necesidades reais do territorio.







Comentarios