Silleda leva a pleno o inicio do expediente para licitar o servizo de recollida de lixo
- Laura Moure
- 28 sept 2021
- 1 Min. de lectura
Este luns celebrouse a comisión informativa na que tamén se abordaron cuestións para o pleno do xoves coma os festivos locais de 2022 ou a prórroga do SAF
Laura Moure/Silleda
Este luns tivo lugar a Comisión Especial de Contas e Informativa de Economía previa ao pleno ordinario de Silleda do vindeiro xoves día 30. Ademais da aprobación das actas anteriores, abordáronse cuestións como a prórroga do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (ata o 15 de decembro de 2022).

Tamén no ámbito económico se deu conta doutra das cuestións que se abordarán no Pleno, coma a ampliación do límite de gastos plurianuais para sacar a concurso o servizo de recollida de lixo e xestión do Punto Limpo, por un importe de 437.373,14 euros anuais. A concesión está prevista por un periodo de 10 anos.
Por outra banda, tamén se abordou na comisión previa ao pleno a proposta para os festivos locais de 2022, seguindo a misma liña dos últimos anos. Así a proposta pasa por establecer como festivos no municipio de Silleda o 8 de xullo (venres das Festas de Silleda e Festa do Lacón) e o 22 de agosto (luns seguinte á Festa da Empanada da Bandeira).
Comentários