Silleda lembra a prohibición de parar e estacionar na fin de semana no desvío da N-525 na Bandeira
- Laura Moure
- hace 7 horas
- 3 Min. de lectura
Hoxe, mércores, estará pechada ao tráfico a rúa Camilo José Cela, onde se celebrará o Entroido de Verán
Laura Moure/Silleda
A estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira volverá pecharse ao tráfico un ano máis con motivo das Festas de Verán. O Ministerio de Transportes e Mobilidade aceptou a solicitude formulada dende o Concello para proceder ao corte entre este venres día 22 (a partir das 16:00 horas) e ata a madrugada do vindeiro luns 25. Dende o goberno municipal agradécese á Administración central que volvan permitir o desvío do tráfico, unha medida moi necesaria por motivos de seguridade dada a gran afluencia de persoas que se achegan durante estes días á localidade.

Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, faise un chamamento á colaboración cidadá lembrando que está prohibido parar e aparcar en todas as rúas nas que se habilitará o desvío (primeiro tramo de Fernando Penoucos, rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela, dende a rúa do Parque ata o enlace novamente ca estrada nacional). Solicítase a colaboración cidadá para respectar as sinais de tráfico e lograr que as festas transcorran sen contratempos.
Ademais de bandos informando dos cortes, que xa se colocaron por toda a vila, tamén se colocarán novamente avisos para lembrar aos veciños e visitantes a prohibición de estacionar nas rúas nas que se habilita o desvío durante as tres xornadas e nas tamén se procederá nas próximas horas á retirada de colectores de lixo, xa que non pode haber ningún obstáculo nin vehículos no arcén.
Publicidade
O venres, antes de proceder ao corte da estrada nacional para habilitar, tamén se fará efectiva a prohibición de estacionar na rúa Xeral, en plena nacional, dende as 14:00 horas.
Corte de rúas e restriccións de estacionamento
Por outra banda, mañá mercores estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar na rúa Camilo José Cela, onde se celebrarán actividades infantís e o Entroido de Verán. O corte da estrada nacional afectará tamén a outras rúas adxacentes. Así, dende o venres pola tarde cando se habilite o desvío quedarán pechadas ao tráfico (permitindo só o paso a residentes) a rúa da Empanada ata o cruce ca rúa Lavadoiro, onde non se poderá circular nin estacionar. A rúa Lourás, dende o cruce con Travesía de Vista Alegre Rúa Lourás é outra das vías afectadas.
Dende o Concello de Silleda vénse traballando nos últimos días en coordinación ca Asociación Amigos da Festa da Empanada da Bandeira, que organiza o evento, para artellar todo o operativo de seguridade e montaxe das celebracións, ca Festa da Empanada na xornada do sábado 24 como prato forte do amplo programa de actividades.
Durante as festas habilitarase tamén zonas de estacionamento gratuitas, como o prado cercano á carballeira, con acceso dende a rúa Chousa Grande.
Publicidade
Sen fogos artificiais pola situación de risco extremo de incendios
Por outra banda, o Concello de Silleda denegou a autorización para a tirada de fogos artificiais prevista na Festa da Empanada da Bandeira, ao coincidir coa declaración de risco extremo de incendios forestais (IRDI) no termo municipal.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinalou que a medida -que está amparada na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e responde a criterios de seguridade, continuará en todo o municipio ata novo aviso. “Lamentamos moito ter que adoptar esta decisión, pero o principal é que as festas poidan celebrarse con todas as garantías de seguridade para a veciñanza e coa protección do noso entorno natural”.
Dende o Concello sublíñase que, á marxe desta suspensión, a Festa da Empanada manterá toda a súa programación cultural e gastronómica, consolidándose un ano máis como unha das grandes citas festivas de Galicia.
Comentários