top of page

Silleda lanza o programa do 25N coa presentación da diagnose urbanística en clave de igualdade

O calendario de actos inclue unha sesión impartida por Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Palestina) e experta en xénero o vindeiro 13 de novembro


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda abre este sábado a programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de Xénero, coa presentación da diagnose urbanística con perspectiva de xénero, elaborada nos últimos meses. As técnicas responsables do proxecto exporán a metodoloxía e os principais resultados nunha sesión participativa orientada a establecer prioridades de actuación a partir das ideas e inquedanzas recollidas durante o proceso —en particular nas rutas realizadas por Silleda e A Bandeira o pasado mes de xuño.


O encontro, que terá lugar este sábado día 25 ás 12:30 na praza Siñor Afranio, servirá tamén para valorar e priorizar actuacións futuras, nunha sesión aberta á cidadanía que permitirá coñecer as demandas xa recollidas e achegar novas propostas.

ree

O proxecto, no que participan expertas en arquitectura, urbanismo e participación cidadá, enmárcase no Plan de Igualdade do Concello de Silleda e aliñase co Plan de Mobilidade Urbana Sostible, reforzando o compromiso municipal cun deseño urbano máis seguro, accesible e igualitario.


Ao remate da presentación, ofrecerase un pequeno piscolabis a modo de networking de ideas.


Consello da Muller e voces resilientes dende Palestina

Esta actividade marca o inicio dun mes cheo de propostas arredor do 25N, baixo o lema “En Silleda, todo o mes é 25N”. A programación continuará o vindeiro mércores día 29 coa celebración do Consello da Muller de Silleda, na que se integrarán representantes de distintas asociacións e colectivos.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O mes de novembro arrancará ca celebración dos obradoiros “Activa-das” organizados en colaboración ca asociación ACADAR, e que se celebrarán os días 3, 5 e 7 de novembro, dirixidos a mulleres con discapacidade.


O xoves 13 de novembro celebrarase unha sesión aberta ao público a cargo de Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Palestina) e experta en xénero, que achegará a súa experiencia a través da sesión “Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas”, aberta a todo o público interesado.

Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Esta conferencia chega a través do Fondo Galego de Solidariedade, do que forma parte o Concello de Silleda. Nas semanas do 10 ao 17 de novembro habrá tamén campañas de sensibilización coa comunidade educativa e coa cidadanía, antes do acto central o martes 25N, o día 25 de novembro, que poñerá o colofón a un mes adicado á igualdade, á concienciación e á eliminación de todas as formas de violencia machista.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “este programa mantén o compromiso firme de facer da igualdade un eixo transversal de todas as políticas municipais, tamén no urbanismo, na educación e na cultura”, engadiu.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page