Silleda lanza esta fin de semana unha campaña con descontos, premios directos e unha ruta de tapas
- Laura Moure

- hace 3 minutos
- 3 Min. de lectura
Un total de 11 establecementos hostaleiros e 20 comercios súmanse á iniciativa, que repartirá máis de 1.300 euros en premios mediante o sistema do “rasca”
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Estefanía Taín, e en colaboración coa asociación ECOS, organiza esta fin de semana a campaña de promoción do comercio e da hostalería local. Serán os días 10, 11 e 12 de abril, coa iniciativa "Días do Comercio con Corazón Local” e o certame de tapas “Silleda a
Bocados”. A acción enmárcase na liña de dinamización do consumo de proximidade presentada xa hai unhas semanas polo Concello.
A proposta busca crear sinerxias entre o comercio e a hostalería, incentivando as compras e as consumicións nestes sectores e animando á veciñanza e ás persoas visitantes a desfrutar da oferta local durante toda a fin de semana.
PUBLICIDADE

No caso da campaña comercial, os establecementos adheridos ofrecerán descontos e promocións especiais, e ademais o Concello de Silleda repartirá máis de 1.300 euros en premios directos a través do sistema do “rasca e gaña”. Nestes boletos, as persoas participantes poderán atopar tanto descontos para mercar nos comercios locais como tamén consumicións gratuítas de tapas incluídas na ruta gastronómica, na que cada proposta terá un prezo de 3 euros.
Na campaña comercial participan os seguintes negocios: Lencería Segredos, Carmiña Moda, Beabé, Luisa Regalos, Confecciones Piñeiro, Leyla, A Parafarmacia, Mamasunción, Vacaloura Estudio, Moda Ramos, Librería Pily, Muebles Varela, Óptica Titanium, RG Bikes, Mariu´s Closet, Mercería Sonia, Nordic, Librería A Casiña dos Contos, Thebes Outlet Colorín Colorado.
Pola súa banda, a ruta de tapas “Silleda a Bocados” contará coa participación de 11 establecementos hostaleiros de Silleda e da Bandeira, que presentarán propostas variadas e orixinais para todos os públicos. Os locais participantes son Café Ina, Debibian, Restaurante Terra Mollada, Casa Victorino, Bar Avenida, Cervexería Exilieta, A Casa do Pincho, Bar Ugía, Bodegón Trujillo, A Plazoleta e Bodegón Esther.

As tapas a concurso destacan pola súa variedade e creatividade, con propostas como tosta de solombo con salsa de champiñón, corazón de brioche recheo de lacón á cervexa negra e patacas finas, cestiños recheos, empanadilla arxentina feita con osobuco en forno de leña, patacas bravas, tapabocas, canelón de cocido, mofongo, bocadiños de primavera e outros.
Elección das mellores tapas e sorteos
Ademais de degustar as tapas, as persoas que participen en “Silleda a Bocados” poderán emitir o seu voto para elixir a mellor tapa e a mellor presentación. Ao mesmo tempo, tamén entrarán no sorteo de distintos premios. Así, quen reúna cinco selos de establecementos hostaleiros poderá optar a lotes de agasallos doados polos comercios participantes, mentres que as persoas que completen a ruta dos 11 locais entrarán ademais no sorteo de dous lotes especiais de produtos e vales de desconto de 50 euros, achegados pola asociación ECOS.
Tamén haberá recoñecementos para os establecementos hostaleiros participantes: un premio á mellor tapa, consistente en trofeo e un ano de cota de socio de ECOS gratuíta, e outro trofeo para a mellor presentación.
A concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, subliña que esta campaña “é unha moi boa oportunidade para seguir animando á veciñanza a mercar e consumir en Silleda, apoiando aos negocios de proximidade e xerando movemento e ambiente na vila e tamén na Bandeira”. Taín destaca ademais que “esta proposta ten un valor engadido moi importante, porque une comercio e hostalería nunha mesma acción, creando sinerxias entre dous sectores fundamentais para a economía local”.
Publicidade
Ademais agradece a implicación e a boa disposición de todos os establecementos participantes, así como a colaboración de ECOS. Neste sentido, sinala que “sen a participación dos negocios e sen esa colaboración co Concello sería imposible sacar adiante iniciativas deste tipo, que ademais de incentivar o consumo serven tamén para visibilizar a calidade, a variedade e o bo facer do noso comercio e da nosa hostalería”.
Dende o Concello anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta campaña ao longo de toda a fin de semana, gozando dunha proposta que combina compras, premios, gastronomía e promoción do consumo local, nunha iniciativa pensada para seguir fortalecendo o tecido económico do municipio.







Comentarios