Silleda inviste máis de 40.000 euros para reforzar o abastecemento de auga e mellorar a depuración
Renovou equipamentos clave nas estacións de bombeo e nas depuradoras de Silleda e Bandeira e completou unha auditoría integral da rede para reducir perdas de auga
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de completar nos últimos meses un importante paquete de actuacións destinadas a reforzar a seguridade do abastecemento, mellorar o funcionamento das instalacións de saneamento e depuración e avanzar na eficiencia da rede municipal de auga. O investimento realizado supera os 40.000 euros e foi financiado integramente con fondos propios municipais.

As actuacións executadas permitiron reforzar a capacidade de resposta do servizo municipal de augas nun momento especialmente importante, marcado pola escaseza de precipitacións e pola situación de alerta por seca declarada pola Xunta de Galicia en diferentes sistemas hidráulicos da comunidade.
Melloras para garantir o abastecemento
Entre as actuacións realizadas destaca a adquisición dunha nova bomba para a estación de bombeo de Taboada, que permitirá contar cun equipamento de reserva para dar apoio ás dúas bombas xemelgas actualmente en funcionamento e garantir a continuidade do servizo ante posibles incidencias ou avarías.
PUBLICIDADE
Así mesmo, incorporouse unha nova bomba na estación de bombeo da Chapa, en Bandeira, reforzando a capacidade operativa desta infraestrutura e mellorando a seguridade do sistema de abastecemento. “A auga é probablemente o servizo máis importante que presta un concello. Cando abrimos unha billa damos por feito que vai funcionar, pero detrás hai instalacións que necesitan mantemento constante, planificación e investimentos continuados”, sinala a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena.
Modernización das depuradoras
No ámbito da depuración tamén se realizaron importantes actuacións tanto na EDAR de Silleda como na de Bandeira. Na estación depuradora de Silleda renovouse completamente o sistema de aireación do reactor biolóxico mediante a instalación de 12 novas aspas no rotor de aireación e dun novo osixenador, mellorando a eficiencia e o rendemento do proceso de tratamento das augas residuais.
Pola súa banda, na EDAR de Bandeira instalouse unha nova bomba somerxible para a recirculación de lodos, unha actuación que permitirá optimizar o funcionamento da planta.
A estas melloras súmanse numerosos traballos de mantemento e posta a punto realizados durante os últimos meses en ambas instalacións, incluíndo actuacións sobre bombas somerxibles, reixas de desbaste, rodamentos, caudalímetros, sondas e outros elementos esenciais para o correcto funcionamento do servizo.
“Estamos investindo tanto na captación e distribución como na depuración porque todo forma parte do mesmo ciclo e require instalacións modernas, eficientes e preparadas para responder ante calquera incidencia”, destaca a rexedora.
PUBLICIDADE
Un plan para reducir perdas de auga
Ademais das actuacións executadas sobre as infraestruturas, o Concello completou unha auditoría integral do sistema municipal de abastecemento, un documento técnico que permitirá planificar os investimentos dos vindeiros anos e mellorar a eficiencia da rede.
O traballo inclúe unha descrición detallada de todo o sistema de abastecemento, a análise dos datos de captación e subministración, a elaboración dun balance hídrico e a definición documental e gráfica de todas as infraestruturas existentes.
A auditoría conclúe cun plan de actuacións específico orientado á redución das perdas de auga e á mellora do rendemento da rede municipal.
Preparados para afrontar o verán
Desde o Concello destacan que a posta a punto das instalacións permitiu afrontar con maiores garantías a actual campaña estival e manter a capacidade necesaria para garantir o abastecemento da poboación.
Estas actuacións permiten tamén manter activos os servizos municipais de limpeza e rega, aplicando criterios de aforro e racionalización do consumo e incorporando sistemas máis eficientes e ecolóxicos, como a rega por goteo e a modernización das electroválvulas. Estas melloras permiten optimizar o uso da auga, reducir o consumo e manter as zonas verdes en bo estado durante todo o ano.
Chamamento á responsabilidade e vixilancia sobre o río Deza
A pesar de que Silleda está incluída dentro do sistema de alerta por seca activado pola Xunta de Galicia na demarcación do Lérez, a situación actual non afecta de forma significativa aos principais puntos de captación e abastecemento do municipio.
O Concello continúa remitindo periodicamente toda a información requirida pola administración autonómica e realizando un seguimento permanente da evolución da situación hídrica.
PUBLICIDADE
Non obstante, desde o goberno municipal insístese na necesidade de continuar facendo un uso responsable da auga e de reforzar a vixilancia sobre a situación do río Deza. Nos últimos meses producíronse episodios puntuais de espumas e alteracións da calidade da auga por causas alleas ao Concello, situacións que obrigaron a activar protocolos preventivos de protección do abastecemento municipal. “Pedimos responsabilidade no consumo porque a auga é un recurso esencial, pero tamén pedimos ás administracións competentes que extremen a vixilancia sobre o río Deza. As actuacións ou solucións que se adopten augas arriba non poden comprometer nin a calidade da auga nin a seguridade do abastecemento dos veciños e veciñas de Silleda”, conclúe a alcaldesa.
Fernández Pena quixo tamén agradecer o traballo desenvolvido polo persoal do servizo municipal de augas, que ademais de executar estas actuacións de mellora atende diariamente incidencias, reparacións, avarías e actuacións de emerxencia en todo o termo municipal, garantindo o funcionamento dun dos servizos públicos máis importantes para a veciñanza.










Comentarios