top of page

Silleda instala novo equipamento deportivo en espazos públicos e renova as redes do campo da Gandareira

A actuación forma parte do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, xunto coa instalación do novo skate park


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de completar a instalación de novo equipamento deportivo en diferentes espazos públicos do municipio, así como a renovación das redes de protección do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira. Estas actuacións forman parte do proxecto financiado ao abeiro do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, no que tamén se inclúe a execución da pista de skate park na Praza Juan Salgueiro. A adquisición do novo mobiliario deportivo foi adxudicada á empresa Suministro Integral del Agua S.L., por un importe total de 21.304,47 euros.


Entre as novas dotacións figuran dúas canastras individual para a práctica de baloncesto 3x3 na Praza Juan Salgueiro de Silleda e na praza da Bandeira; unidades combinadas de porterías e canastras nas prazas Mestre Mateo (Silleda) e Vales Mahía (A Bandeira), e as redes de protección na pista multideportiva da Bandeira, que garanten maior seguridade tanto para o público como para as vivendas próximas.

ree

Así mesmo, no campo de fútbol da Gandareira acometeuse unha importante renovación das redes perimetrais de protección, que presentaban varios tramos deteriorados, mellorando así a seguridade de xogadores e espectadores.


A concelleira de Deportes, Mónica González, destacou que estas melloras “dan continuidade ao noso compromiso coa práctica deportiva ao aire libre e coa posta a punto das instalacións municipais, atendendo ás demandas de clubs e familias usuarias destes espazos”.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

“As novas dotacións veñen complementar o investimento do skate park e reforzan o obxectivo de ofrecer espazos seguros, modernos e accesibles para todas as idades”, engadiu a rexedora.


O proxecto completo, cun investimento total de 64.029,42 euros, está cofinanciado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan de Infraestruturas Deportivas. Ademais do novo skate park, que se executa na Praza Juan Salgueiro, incluiu estas melloras e instalacións deportivas tanto en Silleda como na Bandeira, optimizando os recursos dispoñibles e reforzando a aposta do goberno local por un deporte público, seguro e de proximidade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page