E xa están á venda os bonos para as piscinas municipais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar o procedemento para a contratación dunha persoa como auxiliar administrativo/a como persoal funcionario interino no departamento de
Servizos Sociais e Educación do Concello de Silleda e creación dunha bolsa de emprego. O anuncio da convocatoria do proceso de selección foi publicado este martes no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

As persoas interesadas teñen cinco días hábiles a partir desta publicación no BOPPO (ata o vindeiro martes 29, incluído) para presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Poden consultar as bases no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica, na páxina web do Concello de Silleda e no taboleiro de Edictos deste Concello. Nas bases figuran tamén os anexos de solicitude e do temario para o proceso selectivo.
Por outra banda, o Concello xa ten a venda os bonos paras as piscinas municipais. Na primeira semana de xullo está prevista a apertura ao público dos dous recintos das piscinas municipais, (en Silleda e A Bandeira). O mesmo día da apertura poderán tamén realizarse as inscricións para os cursos de natación cos propios socorristas.
O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos. As piscinas abrirán ao público a partir das 14:00 e ata as 21:00 horas, se ben o horario quedará fixado definitivamente a vindeira semana.
O custe da entrada ao recinto será dun euro por día, tal e como recolle a ordenanza de instalacións deportivas aprobada en 2011 e abonarase nas propias instalacións. Tamén están xa á venda no Concello (nas dependencias do Rexistro Xeral, na pranta baixa), os bonos para toda a tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, oito euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará. Unha vez realizado o pago no banco, as persoas recibirán os bonos no
Rexistro.
Comentarios