Silleda incorpora á frota municipal a nova furgoneta eléctrica destinada aos servizos ambientais
- Laura Moure

- hace 14 minutos
- 2 min de lectura
A nova Citroën ë-Berlingo destinarase aos traballos de xardinería, mantemento de zonas verdes e protección ambiental
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de incorporar á súa frota municipal a nova furgoneta eléctrica adquirida para reforzar os medios dos servizos de xardinería e protección ambiental. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, recibiu onte o vehículo nas dependencias municipais xunto co encargado de Obras, comprobando as características e equipamento da nova unidade, que comezará a prestar servizo nos próximos días.

Trátase dunha Citroën ë-Berlingo eléctrica, equipada cunha batería de 50 kWh, que foi adxudicada á empresa Bétula Cars, S.L.U. por un importe de 23.800 euros, IVE incluído. O vehículo, matriculado o pasado mes de xullo e con menos de 1.000 quilómetros no momento da contratación, cumpre os requisitos técnicos establecidos polo Concello en materia de autonomía, potencia, tempos de carga, seguridade e garantía.
A nova furgoneta utilizarase fundamentalmente nos traballos de mantemento de zonas verdes, limpeza e roza preventiva de contornos naturais, retirada de restos vexetais, conservación de áreas recreativas, prevención de incendios en zonas periurbanas e control ambiental dos espazos públicos.
PUBLICIDADE
A alcaldesa destacou que a chegada deste vehículo supón “un paso máis na renovación e modernización dos medios cos que conta o persoal municipal, buscando ao mesmo tempo vehículos máis eficientes e cun menor impacto ambiental”.
Paula Fernández incidiu tamén na vertente práctica da adquisición. “Falamos dunha ferramenta de traballo que vai ter un uso diario e que permitirá ao persoal desenvolver con maior comodidade e eficiencia tarefas fundamentais para o mantemento dos nosos espazos públicos e naturais”, sinalou. “Queremos ir avanzando, na medida das posibilidades do Concello, cara a unha frota municipal máis moderna, eficiente e sostible. Neste caso, ademais de reducir emisións e consumo enerxético, melloramos os medios dun servizo que realiza labores constantes ao longo de todo o municipio”, engadiu Fernández Pena.
PUBLICIDADE
A adquisición enmárcase no proxecto de equipamento dos servizos ambientais municipais financiado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2026, destinado aos concellos afectados por instalacións eólicas.
A Administración autonómica concedeu ao Concello de Silleda unha achega de 28.425,44 euros para este proxecto, que contempla tanto a adquisición da furgoneta eléctrica como dun remolque destinado ao transporte de maquinaria e ferramentas do servizo de xardinería.
PUBLICIDADE
Con esta nova incorporación, o Concello continúa avanzando na mellora dos recursos materiais dos servizos municipais e na introdución de solucións de mobilidade máis respectuosas co ambiente.









Comentarios