Silleda inaugura mañá a mostra permanente con obras donadas polo artista José Antonio Fondevila
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
A exposición reúne unha selección representativa da extensa traxectoria creativa deste artista nacido en Fiestras (Silleda)
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda inaugura este sábado 21 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa do Concello, a mostra fixa permanente de obras de arte donadas á entidade polo pintor e escultor silledense José Antonio Fondevila García.

A exposición reúne unha selección representativa da extensa traxectoria creativa deste artista nacido en Fiestras (Silleda) no ano 1952, diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami INTERART e con máis de tres décadas de labor artístico. Fondevila ten realizado múltiples exposicións individuais e colectivas en España e no estranxeiro, participando en salóns internacionais e certames en cidades como Madrid, Barcelona, Frankfurt ou Florencia, así como en varias feiras de arte contemporáneo.
Publicidade
A súa obra abarca propostas pictóricas e escultóricas caracterizadas por unha sensibilidade reflexiva que transcende tendencias e movementos concretos. A iniciativa responde ao compromiso do Concello de recoñecer e preservar a aportación cultural e artística de creadores locais, facendo accesible ao público a colección permanente e permitindo á cidadanía coñecer mellor a obra dun dos seus artistas máis recoñecidos.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, sinalou que “José Antonio Fondevila non só enriquece o patrimonio artístico de Silleda, senón que tamén transmitea forza e a autenticidade do seu percorrido vital e creativo. Fondevila representa a capacidade de seguir o propio camiño desde a máis profunda sinceridade artística, e estamos orgullosos de que a súa obra teña agora un espazo permanente no corazón da vila”.
Fernández engadiu que “abrimos estas portas non só para admirar cadros ou esculturas, senón para que a veciñanza e visitantes sintan o valor da creación artística como expresión cultural viva. A arte do noso concello merece ser coñecida e celebrada, e este acto é un recoñecemento á traxectoria dun artista que leva o nome de Silleda máis aló das nosas fronteiras”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O acto de inauguración está aberto ao público para coñecer estas obras que continuarán dispoñibles para visitas na Casa do Concello, na rúa Progreso.








Comentarios