top of page

Silleda impulsa a campaña “Espazos sen papeleiras” para reforzar o coidado das zonas naturais e de lecer

A iniciativa desenvolverase en puntos como As Pedrosas, Fonte de abaixo, a praia fluvial de Cira, o Mosteiro de Carboeiro, a Fervenza do Toxa ou a Férveda de Escuadro


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de iniciar a campaña “Espazos sen papeleiras”, unha iniciativa de concienciación ambiental coa que se pretende fomentar un uso máis responsable das zonas naturais e de lecer do municipio, evitando que estes espazos se convertan en puntos de acumulación de residuos.


A actuación desenvolverase inicialmente no Parque das Pedrosas, na Fonte de Abaixo, no parque canino de Silleda, na praia fluvial de Cira, no Mosteiro de Carboeiro, na Fervenza do Toxa e na Férveda de Escuadro, lugares moi frecuentados, especialmente durante os meses de bo tempo.

A campaña parte dunha idea sinxela: o mellor residuo é o que non queda atrás. Por iso, a nova sinalización instalada nestes espazos lembra ás persoas usuarias a importancia de levar consigo o lixo que xeren e depositalo posteriormente no colector axeitado máis próximo.


Dende o Concello explícase que, aínda que as papeleiras poidan parecer unha solución cómoda, en determinados espazos naturais acaban converténdose con frecuencia en focos de acumulación de lixo. “Mesmo cando se recollen con regularidade, poden xerar problemas de cheiros, impacto visual, residuos mal depositados ou presenza de animais, especialmente en zonas afastadas dos circuítos urbanos ordinarios de recollida” di a alcaldesa, Paula Fernandez.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A medida busca, polo tanto, avanzar cara a unha cultura de maior corresponsabilidade no uso dos espazos públicos. “Estes lugares están para desfrutalos, e tamén para deixalos como nos gustaría atopalos”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que incide en que “coidar dos espazos naturais non pode depender só dos servizos municipais, senón tamén do compromiso de cada persoa que os utiliza”.


Nos últimos días, o Concello realizou labores de limpeza na contorna da Fonte de Abaixo, onde se retiraron máis de cinco sacas de residuos, principalmente envases, botellas e restos de comidas e ata un extintor. Esta situación exemplifica “a necesidade de reforzar a mensaxe de concienciación e de promover hábitos máis respectuosos co entorno” di Paula Fernández .

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A nova cartelería instalada baixo o lema “Espazos sen papeleiras” explica con claridade o sentido da campaña: “Apostamos por espazos sen focos de residuos mal depositados. Leva contigo o lixo que xeres e deposítao no colector axeitado máis próximo. Coidar deste lugar tamén é responsabilidade túa. Grazas por colaborar”, rezan os carteis.


O Concello lembra que esta filosofía xa se aplica en numerosos espazos naturais, praias e áreas protexidas, onde se aposta por reducir a presenza de papeleiras para evitar puntos de acumulación e favorecer que cada persoa se responsabilice dos residuos que xera durante a súa estancia.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page