top of page

Silleda honra a memoria de Víctor Manuel Fraiz Villanueva e Arturo Pérez Lázara

Tivo lugar a descuberta de placas en Silleda e A Bandeira e a proxección do documental Consello de Galiza


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda conmemorou onte a xornada da Memoria Democrática cun programa de actos de homenaxe a dous veciños represaliados pola ditadura franquista, o mestre e sindicalista Víctor Manuel Fraiz Villanueva e o reloxeiro Arturo Pérez Lázara, coa participación da comunidade educativa, organizacións sindicais, colectivos e familias.


A xornada arrancou a carón do CEIP Ramón de Valenzuela, na Bandeira, na rúa que leva o nome de Víctor Manuel Fraiz Villanueva. Alí reuníronse alumnado, profesorado, representantes municipais, entidades sindicais e veciñanza para renderlle tributo a unha das figuras máis destacadas do maxisterio e do sindicalismo da comarca durante a Segunda República.


A concelleira de Cultura, Mónica González, abriu o acto subliñando a vontade do Concello de seguir avanzando nas políticas públicas de memoria. “Estes actos son unha forma de recoñecer a quen loitaron polos dereitos que agora desfrutamos e de facer que a súa memoria siga viva na nosa identidade colectiva. A memoria democrática é iso: unha ferramenta para coñecer o noso pasado recente, pero tamén unha maneira de celebrar o que fomos quen de construír como sociedade” .

ree

En representación do sector do ensino de UGT-SP, tomou a palabra Belén Louzao, quen puxo en valor o labor de Fraiz como mestre comprometido coa escola pública e laica, así como o seu papel no sindicalismo educativo, lembrando que foi secretario fundador da antiga FETE-UGT e un referente para varias xeracións de docentes.


Pola súa banda, Guillerme Pérez, director da Fundación Luis Tilve, contextualizou a figura de Fraiz no movemento obreiro e pedagóxico da época, destacando o seu compromiso coa xustiza social, a dignidade do traballo docente e a defensa da democracia fronte ao avance do fascismo.


No tramo central do acto interviu a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, que destacou que estes actos de recoñecemento constitúen “un compromiso firme coa verdade, a xustiza e a reparación moral”. “Hoxe lembramos a Victor Fraiz como o que foi: un educador comprometido, un cidadán que cría na liberdade e na xustiza e que foi asesinado por soñar cun mundo mellor”.


A emoción chegou cunha grabación que puxo voz a unha carta escrita por Fraiz Villanueva a un dos seus irmáns dende o cárcere de Vigo en 1937, semanas antes do seu fusilamento.


En nome da familia pechou o acto Silvia Tielas, bisneta de Víctor Manuel Fraiz, que agradeceu o acompañamento institucional e veciñal e reivindicou a necesidade de que as novas xeracións coñezan quen foron as persoas represaliadas, non só como vítimas, senón como exemplos de compromiso cívico, profesional e humano.


No acto da Bandeira puxo a nota musical o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Ramón de Valenzuela, nun ambiente de emoción e recollemento compartido.


Lembranza de Arturo Pérez Lázara en Silleda

Pola tarde celebrouse o segundo acto da xornada, diante do campo de fútbol municipal de Silleda, onde se descubriu a placa da rúa Arturo Pérez Lázara e que ao igual que no caso da de Victor Fraiz incorpora un código QR co seu perfil biográfico. “Dende o Concello usaremos esta técnica con máis nomes para que se coñeza a historia das persoas que como Víctor e Arturo foron vítimas da represión e da intolerancia”, engadiu a alcaldesa.


Reloxeiro de oficio, fillo de emigrantes silledenses en Arxentina, destacado pola súa intensa actividade sindical e pola súa participación na vida social e política da localidade, ademais do seu apoio ao deporte e ao tecido asociativo, o nome de Arturo Pérez Lázara figura xa no barrio de Outeiro, onde o acto contou tamén cas intervención do profesor e historiador Manuel Igrexas, que fixo a súa semblanza e da María Carmen Pérez en nome da familia.


Proxección do documental Consello de Galiza

A xornada de Memoria Democrática completouse coa proxección do filme Consello de Galiza, dirixido por Xan Leira, ás 20:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda, dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O documental aborda a historia do goberno galego no exilio e, tras o pase, está previsto un coloquio co propio director, ofrecendo así un espazo de reflexión colectiva arredor da memoria histórica e do exilio galego.

Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Dous veciños represaliados pola ditadura

Víctor Manuel Fraiz Villanueva (A Bandeira, 1887–Vigo, 1937) foi un dos mestres máis destacados da comarca na defensa dunha escola pública, galeguizadora e socialmente comprometida durante a Segunda República. Pasou unha tempada en Cuba, estudou Maxisterio na Escola Normal de Santiago e exerceu en distintos destinos, entre eles Ponte Caldelas, onde fundou e dirixiu o xornal El Heraldo de Puente-Caldelas.


Foi secretario fundador de FETE-UGT, dirixiu a revista Nueva Galicia en Vigo e colaborou en diversas publicacións pedagóxicas. Tras o golpe de Estado de xullo de 1936 viuse obrigado a fuxir, mais finalmente foi detido, sometido a consello de guerra por “rebelión militar” e condenado á pena de morte, sendo executado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937.


Arturo Pérez Lázara (San Fernando, Bos Aires, 1910–Silleda, 1936), fillo de emigrantes silledenses, regresou con súa nai a Galicia e instalouse en Silleda, onde rexentou unha xoiería, ademais doutra en Lalín. Destacou pola súa actividade sindical como secretario da Unión Obreira de Ponte, principal sindicato da zona, e pola súa implicación na vida social e política do municipio, chegando mesmo a doar o primeiro equipamento do club de fútbol local. Tras o golpe militar de xullo de 1936 integrouse no Comité de Defensa da República en Trasdeza; foi detido cando tentaba regresar a Bos Aires e fusilado o 21 de outubro de

1936, con só 26 anos.


Coincidindo coa conmemoración do Día da Memoria Democrática, que se celebra o 31 de outubro, a alcaldesa Paula Fernández Pena insistiu na importancia de “manter viva a lembranza das vítimas do franquismo e poñer en valor o seu exemplo de compromiso, solidariedade e valentía fronte á intolerancia”, ao tempo que subliñou que a memoria “non é mirar atrás, senón mirar con dignidade cara ao futuro, porque un pobo que non lembra está condenado a repetir os erros do pasado”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page