Silleda homenaxeará o 7 de novembro a Víctor Manuel Fraiz Villanueva e Arturo Pérez Lázara
- Laura Moure

- 29 oct
- 3 Min. de lectura
Foron dous veciños represaliados pola ditadura franquista
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda conmemorará o vindeiro venres 7 de novembro unha xornada de Memoria Democrática con actos de homenaxe a dous veciños fusilados en 1936 e 1937: o mestre e sindicalista Víctor Manuel Fraiz Villanueva e o reloxeiro Arturo Pérez Lázara.

As homenaxes consistirán na colocación das placas identificativas das rúas que levan os seus nomes, denominadas xa en 2009. O primeiro acto celebrarase pola mañá na Bandeira, fronte ao CEIP Ramón de Valenzuela, na rúa Víctor Manuel Fraiz Villanueva. A continuación, xa pola tarde, terá lugar en Silleda, diante do campo de fútbol municipal, o acto en lembranza de Arturo Pérez Lázara, onde tamén se colocará a placa coa súa denominación.
A xornada pecharase coa proxección do filme Consello de Galiza, dirixido por Xan Leira, ás 20:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda. O documental, que forma parte do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, aborda a historia do goberno galego no exilio. Tralo pase celebrarase un coloquio co propio director.
Víctor Manuel Fraiz Villanueva, mestre e sindicalista, naceu una Bandeira en 1887. Foi un dos docentes máis destacados da comarca na defensa da escola pública e galeguizadora durante a Segunda República. Pasou unha larga tempada en Cuba co seu tío Salustiano, tamén mestre e ao regreso a Galicia estudou Maxisterio na Escola Normal de Santiago de
Compostela. Exerceu como mestre nas escolas de Ponte Caldelas, onde fundou e dirixiu o periódico El Heraldo de Puente-Caldelas, entre outros.
Publicidade
Foi ademais secretario fundador de FETE-UGT. Dirixiu a revista Nueva Galicia de Vigo (1927) e colaborou en publicacións como Escuela Vivida, Escuela del Trabajo de Ourense e El Pueblo Gallego. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 tivo que fuxir ao monte, e pasou a Portugal. En represalia detiveron o seu fillo Víctor, e internárono no campo de concentración de San Simón, pero foi finalmente asasinado en novembro de 1936. Os seus fillos Vicente e Ramón tamén foron detidos. Victor Fraiz decidiu entregarse a cambio de que os liberaran e dun xuízo xusto. Pero foi encarcerado e xulgado en Vigo por rebelión militar e condenado a pena de morte. Foi executado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937.
Arturo Pérez Lázara (1910–1936) naceu en San Fernando, Bos Aires, fillo de emigrantes silledenses. Reloixeiro de oficio, regresou a Silleda coa súa nai e axiña destacou pola súa actividade sindical, sendo secretario da Unión Obreira de Ponte, o principal sindicato da zona. Rexentaba unha xoiería en Silleda e outra en Lalín. Participou na vida social e política local, ademais de doar o primeiro equipamento do club de fútbol da localidade , entre outros.
Tralo golpe militar de xullo de 1936 integrouse no Comité de Defensa da República en Trasdeza. Foi detido cando trataba de marchar a Bos Aires tralo golpe militar e fusilado o 21 de outubro de 1936, con só 26 anos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, subliña que “estes actos de recoñecemento representan un compromiso firme coa verdade, a xustiza e a reparación moral. Recuperar a memoria destas persoas é un deber democrático e humano que nos obriga a mirar ao pasado con respecto e ao futuro con dignidade”. “A memoria non é mirar atrás, senón mirar con dignidade cara ao futuro, porque un pobo que non lembra está condenado a repetir os erros do pasado”, engadiu.
Publicidade
Coincidindo co Día da Memoria Democrática, que se celebra o 31 de outubro, Fernández Pena destacou “a importancia de manter viva a lembranza das vítimas do franquismo e de poñer en valor o seu exemplo de compromiso, solidariedade e valentía fronte á intolerancia”.
Dende o Concello de Silleda, ademais de colocar as placas cos nome dos homenaxeados, tamén se incluirán códigos QR nos que poder descargar a biografía destes dous veciños represaliados e asasinados durante a ditadura.








Comentarios