Silleda está entre os 32 municipios de Galicia en prealerta por sequía
- Laura Moure

- hace 14 minutos
- 4 min de lectura
Augas de Galicia comunicará a declaración da prealerta a estes municipios afectados, nos que se aconsellan medidas de aforro de auga tanto no uso público como privado
Laura Moure/Silleda
A Xunta activa a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo. A maiores, acordouse activar tamén a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés.

Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e á que asistiron tamén o xerente do organismo hidráulico, Gonzalo Mosqueira, e outros cargos directivos, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de xuño e as previsións para xullo—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Malia constatarse que desde o punto de vista da seca a situación é de normalidade no conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a Oficina técnica decidiu adoptar como medida de precaución a declaración da prealerta en dúas das 19 unidades territoriais de escaseza en que se divide a conca: na do río Lérez e ría de Pontevedra e na do río Anllóns (Ponteceso) e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo.
PUBLICIDADE
Así, durante a reunión constatouse un notable descenso dos caudais circulantes no río Lérez (cunha diminución moi acusada no último mes) e no Anllóns (cunha redución das achegas significativa desde maio), provocado fundamentalmente por unha combinación de falta de precipitacións, salvo episodios de chuvia puntuais en maio e xuño, e elevadas temperaturas, o que incrementa a evaporación da auga. Así mesmo, no caso de Pontevedra e do subsistema de Baiona tamén se valorou o aumento da poboación que se rexistra durante o verán nos concellos que dependen dos encoros destas zonas.
Por todo o exposto e tendo en conta as previsións meteorolóxicas para xullo, que anticipan un inicio marcado polas altas presións e o tempo seco e unha segunda quincena sen cambios significativos pero na que poderían producirse tormentas locais, acordouse decretar a prealerta por escaseza moderada nas dúas unidades territoriais sinaladas, mentres que no resto se mantén a situación de normalidade.
De feito, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa sitúase no 89,4%, sendo un 8,91% inferior á do ano pasado pero só un pouco por debaixo da ocupación media nos últimos 10 anos.
Implicacións da declaración
A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía.
Neste contexto, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e dos propios ríos. En concreto, os 32 concellos afectados pola prealerta son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, no caso da UTE río Lérez; e Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, pertencentes á conca do río Anllóns. A maiores, tamén se lle comunicará ao concello de Baiona.
PUBLICIDADE
Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.
Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca de Galicia-Costa, o organismo hidráulico informará por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos nas unidades territoriais dos ríos Lérez e Anllóns, así como ao rexedor de Baiona, onde tamén se acordou aplicar medidas equivalentes.
PUBLICIDADE
En concreto, entre as accións que propón adoptar a nivel municipal nas zonas cun escenario de escaseza moderada está o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.
A maiores, dentro do espírito de colaboración institucional, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, que mantén reunións periódicas para analizar a evolución da situación, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio a futuro de escaseza de auga, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.









Comentarios