Silleda estrea zonas “Bica e Arranca” para mellorar a a fluidez nos accesos aos centros educativos
- Laura Moure

- hace 9 horas
- 2 Min. de lectura
Permitirán realizar paradas breves para deixar ou recoller aos nenos e nenas de maneira segura, evitando estacionamentos prolongados nas horas punta e favorecendo unha maior rotación de vehículos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de poñer en marcha novas zonas “Bica e Arranca” nas inmediacións dos centros educativos, unha medida pensada para facilitar a entrada e saída do alumnado, mellorar a seguridade viaria e ordenar o tráfico nos momentos de maior afluencia.

Estes espazos permitirán realizar paradas breves para deixar ou recoller aos nenos e nenas de maneira segura, evitando estacionamentos prolongados nas horas punta e favorecendo unha maior rotación de vehículos. Ao longo do día poderase estacionar nestas zonas con normalidade, agás nas franxas horarias indicadas na sinalización, nas que só estará permitida a parada durante o tempo imprescindible para que o alumnado baixe ou suba con seguridade á beirarrúa.
Nas dúas zonas habilitadas xunto ao CEIP Plurilíngüe de Silleda (na rúa Recinto Feiral) e xunto ao Colexio María Inmaculada, na rúa Maria Colmeiro, estará prohibido estacionar de luns a venres en horario de 08:30 a 09:10 e de 13:30 a 14:10, reservando estes dous espazos para a entrada e saída dos centros.
PUBLICIDADE
Deste xeito, o Concello busca que o servizo poida ser utilizado polo maior número posible de familias, reducindo os tempos de espera e contribuíndo a desconxestionar os accesos aos centros educativos. A actuación incluíu a instalación da correspondente sinalización vertical e horizontal, así como lonas identificativas que facilitarán a visibilidade das novas zonas.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, que hoxe visitou as zonas habilitadas xunto á concelleira de Educación, Ángela Troitiño, subliña que se trata dunha medida “sinxela, práctica e pensada para o día a día das familias”, ao tempo que apela á colaboración cidadá para garantir o bo funcionamento destes espazos. “O obxectivo é gañar seguridade, fluidez e comodidade nos accesos aos colexios”, sinala.
PUBLICIDADE
O Concello lembra que o éxito desta iniciativa dependerá do uso responsable das zonas “Bica e Arranca”, respetando os horarios sinalizados e evitando ocupalas máis tempo do necesario.








Comentarios