top of page

Silleda e Culinaria asinan un convenio para reforzar a atención alimentaria a familias vulnerables

A colaboración enmárcase no programa Silleda Solidaria e permitirá a doazón e reparto de menús elaborados a persoas e unidades familiares derivadas polos Servizos Sociais


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa Culinaria para desenvolver un servizo de reparto alimentario dentro do programa Silleda Solidaria, co obxectivo de reforzar a cobertura das necesidades básicas de alimentación de persoas e familias do municipio en situación de vulnerabilidade.


O acordo foi asinado pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e polo director da empresa Culinaria, Manuel Araújo Prado, formalizando así unha colaboración de marcado carácter social que permitirá ofrecer menús ou pratos individuais gratuítos a familias en situación de necesidade, sempre previa valoración e derivación por parte dos Servizos Sociais comunitarios municipais.

A través deste convenio, Culinaria comprométese á doazón dos menús ou pratos individuais, elaborados conforme a criterios de alimentación saudable e equilibrada e cumprindo coa normativa sanitaria e hixiénico-alimentaria vixente. Pola súa banda, o Concello asumirá o custo do reparto, fixado en 0,25 euros por menú, cun importe anual máximo de 2.600 euros con cargo á aplicación orzamentaria correspondente ás axudas de emerxencia social.


A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que este convenio “é un novo exemplo da importancia da colaboración entre o Concello e o tecido empresarial local para dar resposta ás necesidades da veciñanza”. Neste sentido, agradeceu “a implicación e sensibilidade social de Culinaria, que se suma ao programa Silleda Solidaria cunha achega moi valiosa para apoiar ás persoas e familias que atravesan situacións máis difíciles”.


Fernández lembrou que “a atención ás necesidades básicas é unha prioridade para este goberno municipal” e subliñou que o obxectivo é “seguir reforzando os recursos dispoñibles dende os Servizos Sociais, especialmente nos casos nos que é precisa unha resposta rápida, coordinada e eficaz”.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Derivación dende Servizos Sociais

As persoas beneficiarias serán aquelas residentes no municipio que, tras a correspondente valoración técnica dos Servizos Sociais municipais, se atopen en situación ou risco de exclusión social e presenten necesidades alimentarias básicas non cubertas.


O procedemento de funcionamento artellarase mediante unha comunicación directa e coordinada entre o Concello e Culinaria. As profesionais dos Servizos Sociais serán as encargadas de seleccionar ás persoas ou unidades familiares beneficiarias, tramitar as altas e baixas no programa e facer o seguimento técnico de cada caso.


O convenio terá unha vixencia inicial dun ano dende a súa sinatura, coa posibilidade de prórroga se ambas partes así o acordan e sempre que se manteñan as razóns de interese público que motivaron a súa formalización.


Ademais, crearase unha comisión mixta de seguimento, integrada por representantes do Concello, dos Servizos Sociais e da empresa colaboradora, para supervisar o correcto desenvolvemento do programa, avaliar incidencias e propoñer melloras operativas se fose necesario.


Esta nova colaboración intégrase no marco de Silleda Solidaria, o programa municipal orientado a artellar medidas de apoio social e de resposta ás situacións de emerxencia ou vulnerabilidade, reforzando a rede de atención ás persoas que máis o precisan no municipio.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A alcaldesa, Paula Fernández, que estivo acompañada da concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, na sinatura, destacou que este convenio “permite reforzar a capacidade de resposta dos Servizos Sociais municipais ante situacións de vulnerabilidade, garantindo unha atención máis áxil e directa nunha cuestión tan básica como é a alimentación”.


Fernández agradeceu especialmente “a sensibilidade e implicación de Culinaria, unha empresa asentada en Silleda que demostra con este acordo o seu compromiso co municipio e coas persoas que máis o precisan”. A rexedora sinalou ademais que “Silleda Solidaria nace precisamente para sumar vontades, recursos e colaboracións que nos permitan estar máis preto da veciñanza en momentos difíciles”. “Este convenio é un bo exemplo de como a colaboración público-privada pode traducirse en medidas concretas, útiles e con impacto real nas familias”, engadiu.


Paula Fernández incidiu tamén en que “todas as derivacións realizaranse sempre con criterio técnico, dende a confidencialidade e o rigor dos Servizos Sociais municipais, para garantir que a axuda chegue a quen realmente a precisa”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page