top of page

Silleda duplica o investimento no mantemento dos espazos verdes urbanos e reforzará o traballo nas parroquias

O novo contrato amplía o servizo a máis de vinte novas zonas e permitirá intensificar podas e melloras no rural incluindo tamén os espazos turísticos e patrimoniais


Laura Moure/Silleda

A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda vén de aprobar o novo contrato de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes dos cascos urbanos, un servizo que terá unha duración de tres anos e que supón un salto importante na organización do

mantemento municipal.

O importe anual ascende a 105.730 euros, prácticamente o dobre do contrato formalizado no ano 2020. Este incremento responde á reorganización do traballo do equipo de xardinería para reforzar a súa presenza no rural, á incorporación de novas zonas urbanizadas que se puxeron en marcha nos últimos anos, ao incremento das frecuencias de actuación en espazos xa existentes e, tamén, á actualización de prezos e salarios dos últimos exercicios.


O principal incremento deste contrato radica en que moitas das áreas urbanas que ata o momento estaban sendo atendidas polos xardineiros municipais, cun mantemento continuo e correcto, pasarán a xestionarse a través da empresa Coregal Parques e Xardíns S.L., unha firma con experiencia no sector e cun compromiso social recoñecido, que continuará prestando o servizo cun modelo reforzado e cun maior número de intervencións anuais.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Con esta reorganización o personal do servizo de xardinería reforzará e mellorará o seu traballo nas parroquias. “Este contrato vai mellorar non só os cascos urbanos, senón tamén os espazos públicos do rural, como as áreas recreativas, os campos das festas, os parques, e os espazos turísticos e patrimoniais”, sinala a alcaldesa.


Fernández Pena destaca tamén que no novo contrato se incorporan as actuacións urbanísticas desenvolvidas nos últimos anos, como a rúa Progreso ou a avenida Arturo Pérez Lázara, “que ampliaron a superficie pública verde e obrigaban a adaptar o modelo de mantemento á nova realidade do municipio”.


Así pois, en Silleda pasan a ser xestionados por Coregal espazos como a rúa República Arxentina e a súa praza, a rúa Asociación Fillos de Silleda, a subida desde a rotonda da Semana Verde ata o Centro de Día, a praza de Outeiro, a avenida do Recinto Feiral e a rúa Semana Verde, a rúa Arturo Pérez Lázara, o Camiño do Castro, a rúa do Ensino, a rotonda do Hórreo, a zona do campo de cans, a rotonda da PO-211 —incluíndo a limpeza do céspede artificial—, os xardíns da Escola de Música, a rúa do Agro, a rúa Castrelo, o lavadoiro da Fonte de Abaixo, o entorno da Residencia, o interior da Casa da Xuventude, a rúa Forcarei e o entorno da Galiña Azul.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

En Bandeira tamén se reforza o ámbito de actuación, incorporando a rúa Agro do Balo, a rúa Fernando Penoucos, a zona comprendida entre a N-525 e a rúa A Esmorga, a travesía Vista Alegre e os novos parterres do parque do Entroido e da praza Juan Salgueiro.


En todas estas zonas realizaranse, con maior frecuencia, traballos de poda de arborado, siega, rega, limpeza de alcorques, control fitosanitario e labores xerais de conservación. O contrato inclúe tamén o mantemento integral de todas as xardineiras dos cascos urbanos, garantindo unha imaxe máis coidada e uniforme ao longo de todo o ano.


Ademais, increméntanse as frecuencias de mantemento nos espazos xa incluídos no contrato anterior. “Un exemplo claro é o Parque das Pedrosas, que duplica as intervencións previstas, reforzando a súa conservación e presenza periódica”, explica a alcaldesa, responsable da área de Xestión Urbana.


O novo contrato incorpora ademais programación mensual detallada obrigatoria, un seguimento técnico municipal reforzado, un plan de autocontrol da calidade, a posibilidade de auditorías externas e criterios ambientais máis esixentes. “Isto supón avanzar cara a un modelo de mantemento máis profesionalizado, planificado e avaliable, no que cada actuación queda organizada, supervisada e suxeita a control continuo”, conclúe Fernández Pena.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page