O denominado Plan Municipal de Creación de Emprego, iniciado en 2015, aumentou hai dous anos a contía das subvencións
Laura Moure/Silleda
O denominado Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego do Concello de Silleda, destinou xa-dende a súa posta en marcha no ano 2015- supuxo un investimento de case 80.000 euros. Así, ata o 2022, data da última convocatoria, o Concello de Silleda destinou un total de 76.803 euros a subvencionar 59 iniciativas postas en marcha por veciños e veciñas de Silleda que decidiron emprender unha nova actividade empresarial ou comercial abandonando a situación de desemprego.
Deste xeito, e pese a non ter competencias directas en materia de emprego, dende o Concello de Silleda facilitouse a posta en marcha de novas iniciativas, que propiciaron tamén a apertura de novos establecementos, aínda sen ter tampouco competencias na promoción do comercio. A convocatoria de 2023, que se abrirá nos vindeiros días, continuará a través deste programa, tamén coñecido como de axuda a persoas
emprendedoras, outorgando subvencións a fondo perdido a todas aquelas persoas veciñas de Silleda que queiran iniciar a súa actividade.
As condicións son similiares ás de convocatorias anteriores (podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego e queiran emprender proxectos pola súa conta), se ben hai que ter en conta que as contías se aumentaron na convocatoria de 2021. Así, a axuda por apertura de local comercial pasou de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros. O importe máximo da axuda é de 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal.
O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumppla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego e Comercio, Pili Peón.
Puntúase que a persoa promotora do proxecto sexa parada de longa duración; a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I. Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.
As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal) ao igual que as bases e os anexos que hai que presentar para formalizar a solicitude, e que no caso da convocatoria deste ano se publicarán nos vindeiros días.
Comments