top of page

Silleda convoca de novo o concurso de decoración de Nadal, con máis de 2.000 euros en premios

Estes deberán ser gastados no comercio e na hostalería da localidade


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda, a través da concellerías de Cultura e de Comercio, volve convocar o concurso #SilledaFaiNadal entre a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local. Esta proposta dun certame de decoración navideña naceu o pasado ano buscando a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio desas datas en distintos espazos. As bases do certame establecen un reparto de premios que suman en total 2.075 euros.


O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.


As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal (cun formulario específico para este certame) ata o 10 de decembro. As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas dende o 17 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2022. Terán que estar iluminadas, de ser o caso, como mínimo ata as 22:00 horas.

Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, iluminación, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados.


O prazo de inscrición

O prazo de inscrición será dende este martes, día 16 de novembro, e ata o 6 de decembro. As bases e o anexo de inscrición estarán tamén dispoñibles na web municipal. En cada unha das categorías establécense tres premios, todos eles para gastar no comercio e na hostalería local. Na colectiva haberá un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 500 e un terceiro de 300 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 300, 175 e 100 euros.


O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz, pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.


A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Publicarase nas redes sociais do Concello e será comunicado por chamada telefónica ás persoas e agrupacións galardoadas.


Con este certame, como xa aconteceu o pasado ano con #SilledaCreanaCasa, que repartiu outros 2.000 euros para investir no comercio local, búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page