top of page

Silleda continúa coas tarefas de mantemento e posta a punto dos centros educativos de cara ao novo curso

27 ago
2 min de lectura

Persoal municipal acomete estes días distintas actuacións na Escola Infantil A Galiña Azul e nos CEIP Plurilingüe de Silleda e Ramón de Valenzuela da Bandeira


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continúa durante estas semanas coas tarefas de mantemento, conservación e posta a punto dos centros educativos públicos do municipio, aproveitando o período estival para acometer distintas actuacións antes do inicio do novo curso escolar. Os traballos céntranse estes días na Escola Infantil A Galiña Azul, no CEIP Plurilingüe de Silleda e no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, con intervencións de diversa índole que están a ser realizadas por persoal municipal.

A concelleira de Educación e Benestar, Ángela Troitiño, visitou onte as instalacións da Galiña Azul para comprobar a evolución dos traballos. Neste centro estanse levando a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento do patio interior, incluíndo a limpeza do pavimento de caucho e da pérgola corredeira, así como a reposición de area e a revisión e barnizado das madeiras dos xogos infantís. Tamén se están repintando zonas afectadas por humidades en varias aulas e colocando elementos de suxeición no patio exterior para a futura instalación de telas de sombra.


As actuacións na escola infantil inclúen ademais diversas reparacións de fontanería nos baños e billas das instalacións, así como a revisión das escaleiras dos cambiadores das aulas e outras pequenas melloras en zonas como a cociña.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

“Trátase de aproveitar estas semanas para realizar todas aquelas tarefas de conservación e pequenas reparacións que son necesarias para que as instalacións estean nas mellores condicións posibles cando comece o curso”, explica Ángela Troitiño, que destaca o traballo do persoal municipal.


No CEIP Plurilingüe de Silleda están previstas ou en execución actuacións como a limpeza dos canalóns e a retirada de vexetación no tellado da zona de Infantil, a reposición de area no patio infantil e a limpeza do pavimento de caucho e das mesas exteriores. Tamén se levarán a cabo reparacións no comedor, coa colocación de azulexos e plaquetas, e instalarase unha reixa de ventilación na porta do almacén do pavillón.


Pola súa banda, no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira realizaranse labores de limpeza de canalóns e desbroce na zona do Coto da Gaiteira. Entre as actuacións previstas figura tamén o arranxo dos xogos infantís do patio, a reparación de buratos no pavimento de caucho, o barnizado das estruturas de madeira e o repintado dos xogos marcados no chan.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A concelleira sinala que “son actuacións que, aínda que ás veces pasan máis desapercibidas, resultan fundamentais para conservar adecuadamente os edificios e espazos educativos e, sobre todo, para garantir contornas seguras e agradables para o alumnado e para o persoal dos centros”.


Desde o Concello de Silleda continuarase durante os vindeiros días con estas tarefas de mantemento e acondicionamento, coordinando as actuacións coas necesidades trasladadas polos propios centros educativos e priorizando aquelas intervencións necesarias de cara ao inicio do curso.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page