top of page

Silleda conmemora o centenario do paso da Xeración Nós polo municipio coa colocación dunha placa

Esta acción lembra o paso polo municipio da Xeración Nós no seu histórico camiño a Compostela

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda colocou onte unha placa conmemorativa no antigo consistorio para lembrar o paso polo municipio da Xeración Nós no seu histórico camiño a Compostela, do que se cumpren agora cen anos. A iniciativa enmárcase na conmemoración do centenario do coñecido como Camiño de Nós, a viaxe que en xullo de 1926 realizaron dende Ourense ata Santiago de Compostela varios integrantes desta xeración fundamental da cultura galega, entre eles Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Xavier Pardo Bedia.

Silleda formou parte daquel itinerario, que quedou recollido nas crónicas de Xavier Pardo Bedia, publicadas baixo o título No camiño de San-Yago. Nelas, o autor deixou testemuño das etapas, das impresións da viaxe e da mirada coa que aqueles intelectuais percorreron Galicia, convertendo o camiño nun exercicio de coñecemento, reflexión e reivindicación do país.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Coa colocación desta placa, o Concello quere deixar constancia no espazo público dun feito histórico e simbólico para o municipio, sumándose así ás marcas conmemorativas instaladas noutros puntos vinculados ao percorrido. Nos últimos anos, dende o Concello fixeronse iniciativas para poñer en valor este roteiro como a celebración de obras de teatro ou iniciativas co alumnado dos centros educativos, propostas que continuarán realizándose para dar a coñecer o chamado Camiño de Nós.


A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que “esta placa é unha pequena intervención, pero cun significado moi grande, porque nos conecta cun momento clave da nosa historia cultural e co legado dunha xeración que axudou a pensar e a contar Galicia dende a súa lingua, a súa identidade e o seu territorio”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Fernández subliña tamén que Silleda “foi e segue sendo terra de paso, de encontro e de camiños”, lembrando a importancia do municipio nos itinerarios cara a Compostela e o valor do seu patrimonio histórico, natural e cultural.


Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Mónica González, sinala que a colocación da placa “busca deixar unha pegada sinxela, pero permanente, para que a veciñanza e as persoas que visitan Silleda saiban que por aquí pasou hai cen anos o Camiño de Nós”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

González engade que esta conmemoración “é tamén unha oportunidade para achegar ás novas xeracións a importancia da Xeración Nós e para reivindicar a cultura galega como algo vivo, ligado ao territorio e á memoria colectiva”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page