Silleda comunica a Patrimonio os danos detectados na inscrición fundacional do Mosteiro de Carboeiro
- Laura Moure

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
O goberno municipal fai un chamamento á cidadanía e ás persoas visitantes para preservar este enclave patrimonial, que vén rexistrando un notable aumento de afluencia
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os danos detectados na inscrición fundacional situada na parte exterior da cripta do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, un elemento de grande valor histórico e patrimonial integrado no conxunto monumental. Segundo a información trasladada polo persoal que atende o cenobio, os feitos foron advertidos a finais da pasada semana,
observándose sobre a superficie pétrea marcas e remarcados realizados con material brando de cor alaranxada, así como debuxos alleos ao ben, que alteran a súa lectura e afectan negativamente á percepción deste elemento epigráfico medieval.

Na comunicación remitida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Concello solicita que se xire visita de inspección técnica ao mosteiro co fin de avaliar o alcance dos danos e determinar o protocolo de limpeza, conservación ou restauración máis acaído, de xeito que se poidan eliminar estas marcas sen comprometer nin a integridade do soporte pétreo nin a lexibilidade da inscrición. Na mesma comunicación incorporouse tamén documentación fotográfica dos danos advertidos.
Ao mesmo tempo, dende o Concello de Silleda aproveitouse este escrito para reiterar a necesidade de actuar no muro oeste do claustro, unha zona que continúa valada e con acceso restrinxido por razóns de seguridade, á espera da reparación necesaria. O goberno municipal lembra que xa advertira con anterioridade -e de forma reiterada dende 2018- da evolución desfavorable deste punto, no que se aprecia desprazamento e inclinación estrutural, circunstancia que obrigou no seu día a adoptar medidas preventivas de peche e delimitación da contorna afectada.
PUBLICIDADE

Extremar o respecto e o coidado do patrimonio histórico
Dende o Concello faise tamén un chamamento á cidadanía e ás persoas visitantes para extremar o respecto e o coidado do patrimonio histórico, especialmente nun enclave tan simbólico e singular como o Mosteiro de Carboeiro, que nos últimos tempos rexistrou un notable aumento de afluencia coincidindo con xornadas festivas (na ponte de marzo accederon máis de 400 persoas) e a chegada do bo tempo.
Neste sentido, incídese en que a conservación deste legado é unha responsabilidade compartida, que require da colaboración de todas e todos para garantir que este espazo, un dos grandes referentes do patrimonio do interior de Galicia, poida ser gozado e coñecido polas xeracións vindeiras.
Publicidade
O Concello de Silleda lamenta profundamente estes feitos e confía en que dende a administración competente se actúe coa maior celeridade posible, tanto para avaliar e reparar os danos causados na inscrición fundacional como para avanzar na intervención pendente no muro oeste do claustro, co obxectivo de preservar en condicións óptimas un monumento de extraordinario valor histórico, cultural e turístico.







Comentarios