top of page

"Silleda Co-labora" logra 150.456 euros do Goberno de España para impulsar o emprendemento rural

1 oct
3 min de lectura

O proxecto presentado polo Concello é un dos oito promovidos por concellos galegos que conseguen financiamento


Laura Moure/Silleda

O proxecto “Silleda Co-labora: comunidade de emprendemento rural” vén de conseguir 150.456,69 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico nunha convocatoria á que se presentaron 1.223 solicitudes de toda España e na que, finalmente, o Ministerio propón financiar 189 proxectos. Entre eles figura o presentado polo Concello de Silleda, que ademais é un dos oito proxectos promovidos directamente por concellos galegos que conseguen financiamento nesta convocatoria.


A iniciativa contará cun investimento global de 167.500,33 euros. A achega estatal ascende a 150.456,69 euros, mentres que o Concello asumirá con recursos municipais a parte restante do investimento.

A alcaldesa, Paula Fernández, destaca especialmente o nivel de concorrencia da convocatoria: “Presentáronse máis de 1.200 proxectos de todo o Estado e Silleda conseguiu estar entre os que van recibir financiamento. É un respaldo importante a unha idea na que levamos tempo traballando e que ten como obxectivo crear novas oportunidades para emprender e traballar no rural”.


Espazos para emprender, producir e medrar en Silleda

“Silleda Co-labora” busca crear un ecosistema de emprendemento rural apoiado en tres piares: a dixitalización dos espazos, o apoio á produción local e a creación de ferramentas para mellorar a promoción e comercialización dos produtos e servizos.


Esta inciativa forma parte dunha estratexia mais ampla que empezou a tomar forma coa reforma do Centro Social de Ponte, onde o Concello está traballando neste momento para impulsar un obradoiro comunitario vinculado á transformación e valorización de produtos locais, e agora, gracias a esta axuda, amplíase con actuacións no Viveiro de Empresas de Área 33 e no centro de produtores de Cira.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O Viveiro de Empresas Área 33 e o local de Cira, adaptado hai uns anos como centro de produtores, transformaranse en dous “smart buildings” ou edificios intelixentes. Ambos espazos estarán conectados a través dunha plataforma dixital común que permitirá xestionar de forma máis áxil aspectos como a reserva de postos e salas, o control de accesos, os consumos de iluminación e climatización ou o seguimento do uso das instalacións. Ademais, incorporarán melloras de conectividade, sensórica e sistemas intelixentes de control, adaptando os equipamentos ás novas necesidades das persoas emprendedoras e profesionais.


Entre Área 33 e Cira habilitaranse en total 12 postos de coworking, concibidos como espazos de traballo compartido para persoas emprendedoras e profesionais que precisen un lugar equipado desde o que desenvolver a súa actividade, manter reunións, participar en accións formativas ou traballar en remoto. Estes postos formarán parte dunha rede máis ampla de servizos e recursos orientada a facilitar a posta en marcha e consolidación de novos proxectos no municipio


Así pois, o viveiro municipal de empresas Área 33 reforzará o seu papel como espazo para persoas emprendedoras, incorporando novos postos de coworking e equipamento que permitirá desenvolver formacións, presentacións, reunións e actividades de promoción en liña.


Ademais, en Cira, o Concello preparará espacios para que pequenas iniciativas poidan realizar aquí tarefas como o envasado, etiquetado ou preparación final dos seus produtos, evitando ter que desprazarse fóra do municipio para completar estas fases. O centro contará con equipamento específico para estas tarefas e tamén se realizarán melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética, incluída a instalación de placas solares.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

“Silleda Co-labora” contará tamén cunha marca local propia, concibida como un distintivo de calidade, orixe e sustentabilidade para os produtos e servizos vinculados ao proxecto.

A marca contará cun regulamento e unhas condicións de adhesión, de maneira que as iniciativas participantes poidan identificarse baixo unha imaxe común e reforzar a súa vinculación co territorio.


Ademais, habilitarase un espazo promocional dentro da plataforma dixital do proxecto para dar visibilidade ás persoas emprendedoras, produtoras e profesionais participantes, facilitando a difusión e comercialización dos seus produtos e servizos. A actuación incluirá tamén a creación de contidos para a web, materiais audiovisuais e distintos soportes de promoción, co obxectivo de mellorar a presenza exterior das iniciativas locais e axudarlles a chegar a novos públicos e mercados.


Fernández sinala que “queremos que unha persoa que teña unha idea, que queira producir aquí ou poñer en marcha unha actividade encontre en Silleda espazos e ferramentas que lle faciliten dar ese paso”. “Non se trata só de rehabilitar ou equipar locais. Trátase de que eses espazos teñan actividade, que sexan útiles e que axuden a xerar economía e oportunidades no noso rural”, engade.


O proxecto presta tamén especial atención á mocidade, ao emprendemento feminino e á produción local, coa finalidade de favorecer novas oportunidades profesionais e contribuír a que máis persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida e de traballo no municipio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page