top of page

Silleda celebrará do 9 ao 12 de xullo as súas Festas de Verán cun amplo programa

O cartel inclúe verbenas con París de Noia, Panorama City, Grupo Área 33, La Misión ou Marbella, ademais da XXVI Festa do Lacón, propostas infantís e música tradicional


Laura Moure/Silleda

Silleda xa conta os días para vivir unha nova edición das súas Festas de Verán, que se celebrarán do 9 ao 12 de xullo cun amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos, no que se combinan música, tradición, gastronomía, propostas infantís e grandes verbenas. A programación foi presentada pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, xunto con membros do goberno municipal; o presidente da comisión de festas,

Ricardo Espantoso; e representantes da Asociación Cultural O Lacón, presidida por Arturo López, entidade que organiza de novo a Festa do Lacón, unha das citas gastronómicas máis destacadas do calendario festivo local.


As Festas de Verán de Silleda arrancarán o xoves 9 de xullo, ás 21:00 horas, co tradicional chupinazo, amenizado polo grupo Supermirafiori na Praza Siñor Afranio. A partir da medianoite terá lugar a primeira gran verbena, coa actuación de París de Noia, acompañada polos DJ Carlos López e Bacardi.

O venres 10 de xullo , festivo local no municipio, será unha das xornadas con maior protagonismo da tradición e da gastronomía. Durante a mañá haberá actuacións do grupo de gaitas Aires do Trasdeza, do Colexio Plurilingüe María Inmaculada, que amenizará a tradicional desgustación do mediodía xunto co grupo de Gaitas e Acordeóns da Escola de Música de Silleda; e da charanga Os Atrevidos. Pola tarde continuará a animación con Os Atrevidos e coa Banda de Música Xuvenil de Silleda.


Ás 22:00 horas celebrarase a XXVI Festa do Lacón, organizada pola Asociación Cultural O Lacón, que contará coa música de Mariachi Sol de Galicia. A partir da 1:00 horas, a verbena estará amenizada pola Orquestra Panorama City e o DJ Unai.


O sábado 11 de xullo, entre as 18:30 e as 22:30 horas, a Praza Siñor Afranio acollerá o espetada musical, da man de SIC iniciativas Culturais, unha proposta que combinará ambiente festivo e gastronómico. Xa pola noite, ás 23:30 horas, a verbena correrá a cargo do Grupo silledense Área 33, a Orquestra La Misión e o DJ Marcos Kintana.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A programación rematará o domingo 12 de xullo cunha xornada na que serán protagonistas as dúas bandas de música do municipio. Ás 11:00 horas haberá pasarúas coa Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira. Ás 12:30 horas celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica Trasdeza.


Pola tarde, ás 18:00 horas, a Avenida do Parque acollerá o espectáculo infantil Unha de piratas, con Troula Animación. Ás 19:30 horas terá lugar o concerto da Banda de Música Municipal de Silleda e da Banda Recreativa e Cultural de Bandeira na Praza Siñor Afranio. A última verbena comezará ás 22:30 horas coa Orquestra Marbella e o DJ Bruno, e ás 00:00 horas terá lugar a tirada de fogos de artificio, coa que se pecharán as festas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Dende o Concello de Silleda agradécese o traballo da comisión de festas, da Asociación Cultural O Lacón, das entidades colaboradoras e de todas as persoas e entidades que fan posible esta programación. A alcaldesa, Paula Fernández, destacou o esforzo realizado para configurar “un programa completo, diverso e pensado para que veciñanza e visitantes poidan gozar de catro días de festa, convivencia e celebración”. Tamén puxo en valor “o traballo fundamental da comisión e das asociacións implicadas, que manteñen viva unha cita moi agardada no calendario de Silleda”.


Pola súa banda, o presidente da comisión, Ricardo Espantoso, convidou a toda a veciñanza e ás persoas que se acheguen estes días á vila a participar nas festas, agradecendo tamén “a colaboración de todas as entidades, empresas e persoas que contribúen a facer realidade esta programación”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page