Silleda celebra os 100 anos de Pilar Fondevila, unha vida de esforzo, superación e amor pola familia
Natural de Negreiros e veciña do barrio das Baratas, a nova centenaria festexou o seu
aniversario e o día do seu santo rodeada dos seus oito fillos, dez netos e dúas bisnetas
Laura Moure/Silleda
Silleda está de celebración cunha nova veciña centenaria. Pilar Fondevila Penas, natural da parroquia de Negreiros e residente no barrio das Baratas, vén de cumprir nada máis e nada menos que 100 anos, unha data que festexou onte, coincidindo co día do seu santo,
rodeada do cariño da súa numerosa familia. Nai de oito fillos, avoa de dez netos e bisavoa de dúas bisnetas, Pilar gozou dunha xornada especialmente emotiva na que todos compartiron un xantar familiar para celebrar o seu século de vida. As felicitacións chegaron tamén durante a misa celebrada con motivo do Día do Pilar en Silleda, onde lle cantaron o tradicional Cumpreanos feliz, protagonizando outro dos momentos entrañables desta xornada.

A historia de Pilar é tamén a dunha muller traballadora, loitadora e resiliente, que soubo afrontar os desafíos que lle presentou a vida. Aprendeu a coser sendo moi nova, un oficio que formou parte da súa traxectoria vital, e tamén coñeceu a experiencia da emigración en Venezuela.
Ao longo dos anos, Pilar foi construíndo unha familia numerosa á que dedicou boa parte da súa vida. Viúva desde o ano 2002, cando faleceu o seu marido, Luis Ares, representa o exemplo de tantas mulleres dunha xeración que, con esforzo, valentía e capacidade de superación, sacaron adiante as súas familias.
PUBLICIDADE
Unha familia da que hoxe segue a gozar e que constitúe o seu maior motivo de orgullo.
Visita institucional
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, trasladáronlle os parabéns e os mellores desexos en nome de todo o municipio.
Durante o encontro, as representantes municipais compartiron coa centenaria e cos seus familiares un momento de agarimo e recoñecemento a unha longa vida chea de vivencias, que celebraron na Casa con Encanto de Merza.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que "cumprir cen anos é un acontecemento extraordinario e unha alegría que queremos compartir con Pilar e con toda a súa familia. Detrás deste século de vida hai unha historia de traballo, sacrificio, valentía e, sobre todo, moito amor polos seus".
Fernández puxo tamén en valor a traxectoria vital da homenaxeada como exemplo dunha xeración de mulleres que contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento das súas familias e da sociedade. "Pilar representa a tantas mulleres que tiveron que afrontar tempos difíciles, que coñeceron a emigración e que souberon saír adiante con enorme fortaleza. Mulleres que son memoria viva dos nosos pobos e ás que temos moito que agradecer", sinalou.
PUBLICIDADE
A rexedora quixo destacar ademais a felicidade que supón poder celebrar un aniversario destas características rodeada de varias xeracións da familia. "Non hai mellor agasallo que chegar aos cen anos e poder compartir este momento cos fillos, netos e bisnetos. Hoxe Pilar recolle tamén todo o cariño que foi sementando ao longo da súa vida", engadiu.
Desde o Concello de Silleda trasládase unha felicitación moi especial a Pilar Fondevila, desexándolle que siga gozando de moitos momentos de felicidade e do agarimo da súa familia.









Comentarios