top of page

Silleda inicia os actos centrais do 25N cunha performance colaborativa e cunhas 1.000 bolboretas

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda iniciará este fin de semana os actos conmemorativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, adaptando a programación inicialmente prevista para o propio luns día 25 debido á previsión de choiva. Así, a performance colaborativa trasládase ao sábado 23, ás 18:00 horas, xa que é unha actividade que se necesita facer na rúa. O acto arrancará co acendido da fachada da Casa do Concello en cor morada, símbolo do compromiso do municipio na loita contra a violencia de xénero.

E coa axudas das veciñas e veciños que se acheguen a participar, celebrarase o homenaxe ás irmás Mirabal, cunha performance colaborativa na que, usando a fachada do concello, se instalarán 1.282 bolboretas, unha por cada muller asasinada por violencia machista desde que existen rexistros oficiais. Cada bolboreta levará escrito o nome dunha vítima como lembranza e recoñecemento a todas elas.


Durante o proceso creativo, soarán nos altofalantes municipais os nomes das 1.282 vítimas de violencia de xénero, gravados polo alumnado do IES Pintor Colmeiro e o CPR María Inmaculada, nunha homenaxe sonora que busca visibilizar e dignificar cada vida perdida.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As irmás Mirabal, (Patria, Minerva e María Teresa) coñecidas como “As Bolboretas”, foron tres activistas dominicanas que loitaron contra a ditadura de Trujillo e que o 25 de novembro de 1960, foron brutalmente asasinadas polos axentes do réxime, nun intento de silenciar a súa loita pola liberdade. Na súa memoria, esta data foi proclamada polas Nacións Unidas como o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, simbolizando a loita global contra a opresión e a violencia de xénero.


Acto institucional do 25 de novembro

O acto institucional central manterase o propio luns as 20:30 horas, pero trasladarase ao Salón de Plenos do Concello debido ás condicións meteorolóxicas. Nesta ocasión, a (in)VISIBLE de novembro, Belén Liste Lázara, que representa ás persoas que loitan día a día contra esta lacra, será a encargada de dar lectura a un manifesto redactado por ela mesma. Con esta iniciativa, o goberno local quere poñer en valor o traballo diario de quen combate a violencia de xénero e darlles voz ás súas experiencias e reflexións.


O acto contará tamén coa colaboración especial da Banda de Música Municipal de Silleda. Varias integrantes da formación realizarán unha actuación en homenaxe a todas as vítimas. Con estas accións, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia de xénero, convidando á cidadanía a participar activamente neste recoñecemento colectivo.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page