Silleda aposta por un Nadal inclusivo e sustentable co traballo realizado por Cogami
Os usuarios do centro de Medelo visitaron as prazas que xa locen a decoración feita con madeiras, milleiros de botellas de plásticos e outros elementos que se aproveitaron
Laura Moure/Silleda
O personal e as persoas usuarias do Centro de Recursos de Medelo, da entidade Cogami, visitaron onte xunto co alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Cultura, Mónica González, algunhas das prazas decoradas co seu traballo. A falta dos últimos retoques, que se farán ao longo da vindeira semana, xa se instalaron elementos decorativos na praza da Igrexa de Silleda, praza Juan Salgueiro, praza Siñor Afranio e tamén na praza da Bandeira.

En todas elas empregáronse madeiras, telas, e outros materiais de segundo uso. Máis de 1.600 botellas, 2.000 perchas, 1.600 círculos feitos con tubería, telas …. Todos os datos figurarán en carteis concienciadores que Cogami colocará nos vindeiros días nos distintos emprazamentos, agradecendo tamén a colaboración de empresas como Nudesa, Carpintería Cuiña ou Culinaria.
Tamén se colocaron mallas colgantes decorativas, con atrapasoños e pratos de plástico pintados a man. Ademais do Belén de madeira instalado na praza da Igrexa, na Juan Salgueiro de Silleda está xa o trineo de Papá Noel, con renos e regalos xigantes feitos con milleiros de botellas de plástico.
Na praza Siñor Afranio as ábores son as protagonistas da composición cos atrapasoños e renos. E na Bandeira, na praza Juan Salgueiro instalouse unha creación feita con pallets, así como dous photocalls.
Tamén se está a preparar para os vindeiros días a praza de Outeiro en Silleda, tamén con materiais reutilizables ao igual que todos os empregados. Dende o Concello, o alcalde, Manuel Cuiña, agradece o traballo realizado, “sobre todo tendo en conta o pouco tempo co que contaron, e as moitas horas que adicaron con agarimo a cumprir con este reto”, sinala. Cuiña lembra que o Concello de Silleda asumiu este ano unha aposta por un Nadal máis inclusivo, con economía social e sustentabilidade como protagonistas.
Pola súa banda Iván García, coordinador do CDR Medelo de Cogami, resaltou que esta é “unha gran oportunidade para poñer en valor o traballo das persoas con discapacidade do centro, a día de hoxe con 26 persoas usuarias”, ademais de agradecer ao Concello a súa colaboración.








Comentarios