Silleda amplía o seu plan de saúde mental co programa Limes e novos grupos de axuda mutua
- Laura Moure

- hace 6 días
- 3 min de lectura
A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio coa Asociación Itínera para reforzar o acompañamento, a inclusión social e a prevención do illamento
Laura Moure/Silleda
A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda aprobou o convenio de colaboración coa Asociación Itínera, Voluntarios en Saúde Mental, para poñer en marcha o Programa LIMES, unha nova iniciativa de atención comunitaria integrada no Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027. A actuación principal será a creación e dinamización de grupos de axuda mutua, dirixidos a persoas con problemas de saúde mental ou que atravesen situacións de malestar emocional e poidan beneficiarse dun espazo de acompañamento, apoio entre iguais e participación comunitaria.

Os grupos constituiranse inicialmente cun mínimo de seis participantes, aínda que os Servizos Sociais municipais e a entidade poderán valorar excepcións cando concorran circunstancias sociais que o aconsellen. As actividades desenvolveranse ata finais deste ano e estarán coordinadas polo persoal técnico da Asociación Itínera.
Ademais dos grupos de axuda mutua, o convenio contempla actividades de apoio social e acompañamento, accións informativas e de sensibilización dirixidas á cidadanía, iniciativas para fomentar a participación comunitaria e medidas destinadas a combater o estigma asociado aos problemas de saúde mental.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que este acordo “permite seguir convertendo en actuacións concretas os compromisos recollidos no Plan Municipal de Saúde Mental, ampliando os recursos de proximidade e creando espazos nos que as persoas poidan sentirse acompañadas, escoitadas e parte activa da comunidade”.
“Non podemos abordar a saúde mental unicamente cando aparece unha situación grave. Temos que traballar tamén desde a prevención, as redes de apoio e a loita contra o illamento e o estigma. Este convenio supón un novo paso nesa dirección”, sinala a concelleira de benestar social, Ángela Troitiño.
Unha nova acción do Plan Municipal de Saúde Mental
O Programa LIMES intégrase no Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027, impulsado polo Concello de Silleda para situar o benestar emocional como unha prioridade das políticas municipais.
PUBLICIDADE
O plan articúlase arredor de diferentes liñas de actuación dirixidas á poboación xeral, ás persoas maiores, ás mulleres, á infancia e á adolescencia e a outros colectivos en situación de especial vulnerabilidade. Entre os seus obxectivos figuran a prevención dos problemas de saúde mental, a detección temperá das necesidades, a sensibilización social, o fomento do autocoidado e o reforzo das redes comunitarias.
Dentro desta planificación desenvolveuse tamén Silleda Acompáñate, unha iniciativa municipal de escoita, orientación e apoio psicolóxico, concibida como unha porta de entrada para detectar necesidades e facilitar, cando resulte necesario, a derivación aos recursos especializados.
A incorporación do Programa LIMES permitirá completar esta estratexia municipal cunha vertente especialmente centrada no apoio entre iguais, a participación social e a creación de vínculos que contribúan a reducir as situacións de soidade e illamento.
Coordinación cos Servizos Sociais
Os Servizos Sociais municipais serán os encargados de identificar, valorar e orientar as persoas que poidan beneficiarse do programa, contando sempre coa súa autorización e consentimento. A participación nas actividades será voluntaria e rexerase polos principios de confidencialidade, igualdade de trato, inclusión, non discriminación e respecto á autonomía persoal. A Asociación Itínera achegará os recursos humanos e materiais necesarios, organizará os grupos e colaborará no acompañamento das persoas participantes.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, o Concello facilitará os espazos municipais dispoñibles, colaborará na difusión das actividades e participará no seguimento e avaliación do programa. As actuacións terán carácter exclusivamente social, preventivo e comunitario. Non incluirán diagnóstico, tratamento clínico, terapia sanitaria nin atención psicolóxica especializada, senón que complementarán os recursos sociais e sanitarios xa existentes.
Asociación Itínera
É unha entidade sen ánimo de lucro adicada á promoción da saúde mental, a inclusión social e o acompañamento de persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Traballa mediante programas de atención psicosocial, apoyo comunitario, a sensibilizacion e prevención para favorecer a autonomía e a integración na comunidade Ten a súa sede en Santiago de Compostela dende o ano 2005, e colabora de xeito habitual co SERGAS, concellos e entidades sociais.








Comentarios