Silleda adxudica á empresa Taboada y Ramos as obras de mellora da pista da Laxe, en Oleiros
- Laura Moure

- 11 oct 2025
- 2 Min. de lectura
Arrancarán nos próximos días
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa coa tramitación e execución de proxectos para a mellora viaria do municipio. Así, o goberno municipal vén de adxudicar á empresa Taboada y Ramos, única oferta presentada ao proceso de licitación estas obras, que está previsto comezar nos vindeiros días.

A actuación, que conta cun orzamento total de 119.156,92 euros, financiarase parcialmente a través do Programa Camiña Rural —antigamente coñecido como Plan Marco—, convocado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achega unha subvención de 98.476,79 euros.
O proxecto abrangue a mellora integral da pista que conecta o lugar do Carballo (Oleiros) coa localidade de Forcas (Laro), cunha lonxitude total de máis de 1,4 quilómetros. Trátase da única vía de acceso para a veciñanza do lugar da Laxe, e dá servizo tamén a varias explotacións agrogandeiras e ao transporte escolar. Ademais da renovación completa da capa de rodadura, o proxecto inclúe a mellora do trazado no tramo inicial, eliminando unha curva pronunciada grazas á cesión de terreos por parte de tres persoas propietarias.
Publicidade
Estes terreos están incluídos no proceso de concentración parcelaria que se está a desenvolver na localidade de Oleiros. Tamén se executarán cunetas tendidas nalgúns treitos e outras actuacións complementarias co obxectivo de mellorar a seguridade e o mantemento da vía.
Nos últimos anos, o Concello de Silleda ten executado, a través deste mesmo programa de Agader, a mellora dos viais de Balántiga e Cumbraos (Escuadro), O Castro-Negreiros, Portapiñeiro (Piñeiro) e Rabo de Gato (Moalde). “Con esta actuación seguimos mellorando a rede de estradas municipais e reforzando os servizos para a veciñanza”, sinala a alcaldesa Paula Fernández.







Comentarios