Silleda adxudica as obras de mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortega
- Laura Moure

- hace 4 horas
- 2 min de lectura
A intervención, financiada coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, mellorará a seguridade, a accesibilidade e a durabilidade da rede viaria
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de adxudicar as obras de mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., por un importe de 236.200,75 euros (IVE incluído). A actuación está financiada coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Plan +Provincia.

O proxecto permitirá actuar en seis núcleos do municipio, concretamente en Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña; e Camporrapado e A Revolta, en Cortegada, mellorando o estado de varios camiños municipais que presentan un importante deterioro debido ao paso do tempo e ao uso continuado por parte da veciñanza e dos vehículos vinculados á actividade agrogandeira.
Os traballos consistirán na renovación do firme, a limpeza e acondicionamento das cunetas para favorecer a correcta drenaxe das augas pluviais e, nos tramos nos que resulta máis recomendable desde o punto de vista técnico, a execución de pavimento de formigón armado, co obxectivo de aumentar a resistencia e a vida útil das actuacións.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, sinala que esta actuación "permite continuar coa mellora progresiva da rede viaria municipal, unha prioridade para este goberno, especialmente nas parroquias, onde os camiños constitúen infraestruturas básicas para a mobilidade diaria da veciñanza e para o desenvolvemento da actividade agrícola e gandeira".
Fernández lembra ademais que, antes da licitación do proxecto, o goberno municipal mantivo reunións coa veciñanza dos distintos lugares afectados para explicar sobre o terreo as actuacións previstas, recoller achegas e resolver dúbidas, "porque entendemos que as obras responden mellor ás necesidades reais cando se planifican escoitando ás persoas que viven cada día estes camiños".
PUBLICIDADE
O contrato foi adxudicado tras o correspondente procedemento de licitación, no que participaron dúas empresas, resultando a oferta presentada por Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. a mellor valorada tanto polos criterios técnicos como económicos.
PUBLICIDADE
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando no seu programa de mellora das infraestruturas viarias do rural, reforzando a seguridade das comunicacións, facilitando o acceso ás vivendas e explotacións e contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza nas distintas parroquias do municipio.









Comentarios