top of page

Silleda adxudica a Taboada y Ramos o histórico investimento no viario rural con máis de 1,1 millóns

Actuarase en Pazos, Martixe, Carboeiro, Manduas, Parada, Laro, Ponte, Moalde, Escuadro, Fiestras, Silleda-Siador e Graba con cargo aos fondos do Plan Concellos da Deputación


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses o maior investimento realizado na mellora integral das pistas do rural. A actuación, con cargo aos fondos do Plan Concellos da Deputación que lle corresponden ao Concello, suporá unha inxección de máis de 1 millón de euros, realizándose actuacións nun total de 17 tramos de distintos puntos do municipio, que suman aproximadamente 20 quilométros de lonxitude. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.


A Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Taboada y Ramos esta dotación, logo das valoracións da Mesa de Contratación, na que se evaluaron as sete ofertas presentadas. Os traballos adxudicáronse por un total de 1.123.199, 64 euros, IVE engadido. Con esta actuación reformarase o vial da parroquia de Pazos dende a ponte do TAV ata o lugar de Quintás. Tamén en Martixe se mellorará todo o viario do núcleo de Martixe de Abaixo e en Manduas o lugar de Andamollo.

En Carboeiro realizarase o tramo dende Carboeiro de Francia ata o acceso ao mosteiro e na Bandeira renovarase o firme do vial da Devesa, dende o Centro de Saúde ata o enlace ca pista de San Brais, en Chapa.


Na parroquia de Parada as obras de mellora viaria afectarán a dous tramos que discorren entre os lugares de Mediodaldea e Outeiro. Tamén en Ponte se renovarán outros dous tramos: o que vai dende Vilar ata Rosende e que une esta localidade ca parroquia de O Castro, discorrindo paralelamente á AP-53.


En Moalde arraxaránse as pistas que dan acceso aos lugares de Meda e San Xosé, e en Escuadro realizaránse obras nunha das pistas de maior lonxitude: o acceso a Paredes dende a estrada nacional 640. E na parroquia de Fiestras o proxecto inclúe o arranxo integral do vial do lugar de Barcia.


Trasfontao, Santa Mariña e Laro

Tamén en Silleda se levará a cabo a mellora do viario que da acceso a Trasfontao, dende a N-525 ata o lugar de Costoia, xa na parroquia de Siador, ata o entronque co vial autonómico PO-201.


Outra das actuacións que completa este ambicioso proxecto levarase a cabo na parroquia de Graba, mellorando o acceso ao lugar de Santa Mariña, dende a estrada provincial a Forcarei ata esta aldea, pasando polos núcleos de Outeiro, Penalta e Fontao. Competa a dotación a parroquia de Laro co arranxo de dous tramos: o que vai dende Pelures a Forcas e dende este último lugar ata Sante.

“É un investimento histórico na extensa rede viaria do noso rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, que lembra que “nunca se fixo un esforzo coma este na mellora integral das pistas do termo municipal, que entre este proxecto e o que vén de rematar, suporá a reforma de máis de 35 kilómetros na extensa rede viaria de Silleda”, engade.


Esta dotación vén sumarse a outra ducia de tramos que foron arranxado nos últimos meses, tamén con cargo ao Plan Concellos da Deputación, cun investimento de case 600.000 euros, co arranxo en viais da Bandeira, Silleda, Dornelas, Taboada, Lamela, Ponte, Ansemil, Carboeiro, Cira e Taboada.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page