Silleda adxudica a Calicanto a reforma da antiga escola de Cortegada para convertela nun centro TIC
- Laura Moure

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
O contrato correspóndese coa execución da segunda fase da recuperación deste inmoble
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de adxudicar á empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L. as obras de acondicionamento da antiga escola de Cortegada para o seu uso como Centro TIC do rural, nunha actuación que permitirá dar unha nova vida a este edificio tradicional e poñelo ao servizo da veciñanza.
A adxudicación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local por un importe de 55.044,32 euros, IVE incluído. O contrato correspóndese coa execución da segunda fase da recuperación deste inmoble, despois de que no ano 2023 o Concello acometera con fondos propios unha primeira intervención centrada na mellora da envolvente exterior, con actuacións na cuberta e na carpintería exterior.

O proxecto conta con financiamento ao abeiro das axudas do programa LEADER, tramitadas a través da ADR Terras de Pontevedra Norte e cofinanciadas con fondos FEADER dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Grazas a esta convocatoria, o Concello logra financiar o 90% do custo total da actuación.
As obras permitirán acondicionar o interior da antiga escola para dotalo dun uso social e tecnolóxico, co obxectivo de reducir a fenda dixital no rural e ofrecer á veciñanza un espazo axeitado para accións formativas, actividades divulgativas e acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación.
PUBLICIDADE

Entre as actuacións previstas figuran a creación de dúas salas polivalentes equipadas para uso tecnolóxico, cunha dotación adaptada con tomas RJ45, HDMI, equipos informáticos e de proxección, así como a execución dun aseo accesible e dun pequeno almacén. Tamén se inclúen traballos de illamento, ventilación, fontanería, instalación eléctrica, protección contra incendios e melloras na eficiencia enerxética, ademais do acondicionamento da contorna exterior do edificio.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que esta actuación “supón seguir avanzando na recuperación de espazos públicos no rural para dotalos de novos usos útiles para a cidadanía”. Neste senso, incide en que “con este centro TIC queremos + achegar máis oportunidades de formación, acceso ás novas tecnoloxías e dinamización social á parroquia de Cortegada, respondendo ademais a unha demanda da veciñanza”.
Publicidade
Ao procedemento de licitación presentáronse tres empresas, resultando finalmente adxudicataria Calicanto Obras y Proyectos S.L. por presentar a oferta máis vantaxosa no conxunto da valoración efectuada pola mesa de contratación.







Comentarios