Silleda acollerá tres obradoiros do programa +Reto Dixital da Deputación de Pontevedra
- Laura Moure

- 1 nov
- 2 Min. de lectura
As sesións terán lugar no Centro Social dos Maiores de Silleda os días 21, 22, 24, 26, 28 e 29 de novembro
Laura Moure/Silleda
O programa +Reto Dixital, impulsado pola Deputación de Pontevedra, chega a Silleda cunha nova edición de obradoiros prácticos destinados a mellorar as competencias dixitais da veciñanza. As sesións desenvolveranse no Centro Social dos Maiores de Silleda,
cun custe simbólico de 5 euros por obradoiro, e ofrecerán formación útil e adaptada para aprender a realizar xestións e trámites en liña de forma sinxela e segura.

O primeiro dos obradoiros estará ao manexo da tarxeta sanitaria do SERGAS e celebrarase o venres 21 de novembro, de 16:30 a 19:00 horas, e o sábado 22 de novembro, de 10:00 a 12:30 horas. As persoas asistentes aprenderán a empregar as aplicacións e servizos dixitais do sistema sanitario galego, como a solicitude de citas ou a
consulta da historia clínica.
O segundo obradoiro tratará sobre as Sedes Electrónicas e terá lugar o luns 24 de novembro e o mércores 26 de novembro, en ambos casos de 16:30 a 19:00 horas. Nesta formación explicarase como acceder ás plataformas dixitais das administracións públicas e realizar trámites básicos en liña.
Publicidade
Por último, o terceiro obradoiro estará centrado na Administración Electrónica. Celebrarase o venres 28 de novembro, de 16:30 a 19:00 horas, e o sábado 29 de novembro, de 10:00 a 12:30 horas. O alumnado descubrirá como empregar o certificado dixital, a sinatura electrónica e outros recursos que facilitan a comunicación coas institucións públicas.
A través destas actividades, as persoas participantes poderán adquirir autonomía na xestión de servizos e trámites dixitais, favorecendo así a súa inclusión tecnolóxica e social. O programa +Reto Dixital forma parte da aposta da Deputación de Pontevedra pola igualdade de oportunidades no acceso ás ferramentas dixitais e pola redución da fenda tecnolóxica na provincia.
Publicidade
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar as súas inscricións chamando ao teléfono 986 592 037.








Comentarios