Silleda acollerá o encontro “Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas”, con Hanan Kaoud
- Laura Moure

- 9 nov
- 2 Min. de lectura
Ela é concelleira da cidade palestina de Ramala
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, en colaboración co Fondo Galego de Solidariedade, acollerá o vindeiro martes 13 de novembro o encontro aberto ao público “Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas”, coa participación de Hanan Kaoud, concelleira da cidade palestina de Ramala.

A entrada será libre, e durante o acto o público poderá coñecer de primeira man a realidade que viven as mulleres palestinas, o seu papel nos procesos de resistencia e a súa contribución á construción da paz e á defensa dos dereitos humanos. A iniciativa enmárcase no programa anual de visitas do Fondo Galego de Solidariedade, que busca achegar á cidadanía galega realidades e voces do Sur global, promovendo a reflexión, o diálogo e a solidariedade entre pobos.
Hanan Kaoud, política e activista, compartirá en Silleda a súa experiencia como muller e concelleira en Ramala, así como o traballo que desenvolve a nivel local na promoción da igualdade, a participación cidadá e a resiliencia comunitaria nun contexto de conflito.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “é unha honra recibir en Silleda unha voz tan necesaria e valente como a de Hanan Kaoud, exemplo de compromiso, de resistencia e de esperanza”. “A través deste encontro queremos dar visibilidade ás mulleres palestinas e reforzar o noso compromiso coa solidariedade internacional e cos dereitos humanos universais”, engadiu a rexedora.
O Concello de Silleda forma parte do Fondo Galego de Solidariedade, entidade que agrupa máis de cen concellos e deputacións galegas comprometidos coa cooperación internacional e o desenvolvemento sostible. A actividade enmárcase nunha visita a varios municipios galegos para promover a solidariedade co pobo palestino e fortalecer os lazos de cooperación entre Galicia e Palestina, así como na programación municipal do 25-N.







Comentarios