Silleda acollerá o 17 de maio a segunda edición do Rallysprint
- Laura Moure
- 2 may
- 3 Min. de lectura
Disputaranse dous tramos a dobre pasada: un na zona de Martixe e, como novidade, outro en Bandeira
Laura Moure/Silleda
O municipio de Silleda volta por segundo ano consecutivo ao calendario galego do automobilismo da man do II Rallysprint Concello de Silleda, incluído no Campionato Xunta de Galicia GT2i desta modalidade, e que se disputará o 17 de maio. Os membros da Escudería Silleda, club que preside Juan Pablo Cajide, presentaron este xoves a proba na remozada praza de Juan Salgueiro, na Bandeira.
Cajide explicou que o venres 16 pola tarde comezarán as verificacións optativas e técnicas diante do consistorio. O sábado 17 de maio pola mañá de 8:00 a 12:30 horas serán as verificacións obrigatorias, previas ao comezo da proba que terá lugar ás 14:00 horas. Disputaranse dous tramos a dobre pasada: un na zona de Martixe e, como novidade, outro en Bandeira, con asistencia e reagrupamento entre a primeira
e a segunda pasada.
Publicidade
A cerimonia de entrega de premios celebrarase a partir das 20:30 horas na rúa Camiño do Castro, onde estará o parque pechado. O parque de traballo situarase no aparcamento da Semana Verde, no entorno da rúa Recinto Feiral. O presidente da Escudería Silleda explicou que as inscricións para participan veñen de abrirse o pasado 11 de abril , rematando o prazo o vindeiro 12 de maio. “As previsións pasan por contar con 90 pilotos participantes, e este ano as inscricións van a moi bo ritmo. Dende o primeiro día tivemos moi boa acollida.”, avanzou, ademais de agradecer enormemente o apoio das empresas e institucións patrocinadoras, así como das persoas voluntarias, agrupacións de Protección Civil de A Estrada e Agolada, e o Parque de Bombeiros de Silleda, entre outros.
No acto de presentación, ademais de pilotos da zona, estivo tamén presente o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño. “Esperamos que, ao igual que o ano pasado, sexa todo un éxito. Sabemos que a comarca de Deza move moitísimo o automobilismo, e dende a Federación tratamos de apoiar a esta nova Escudería para que todo saía ben”. “Esta é unha zona moi boa, cunha situación estratéxica a nivel xeográfico en Galicia, que a convirte en ideal para este tipo de probas”, indicou ademais de felicitar á entidade organizadora.
Publicidade
Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que participou na presentación xunto ca concelleira de Deporte, Mónica González, destacou “o gran esforzo que está a realizar a Escudería Silleda, que levan meses traballando para sacar adiante esta proba que se estreou con gran éxito en 2024 continúe pola mesma senda”.
Asimesmo, Fernández Pena destacou a grande repercusión que supoñen este tipo de probas “á hora de dinamizar o noso municipio, tanto dende o punto de vista económico como a nivel promocional”, polo que agradeceu aos membros da Escudería Silleda o “gran esforzo que están a realizar”.
Retransmisión por YouTube
A proba tamén poderá seguirse en directo por internet, xa que está previsto que o sábado se transmita en directo por YouTube cadansúa pasada aos dous tramos.

Na presentación participaron tamén os pilotos Javier Martínez Carracedo, vencedor na edición do ano pasado, José Alberto Otero Rodríguez, e os locais, Marco Lorenzo (Desgüaces Rolán), e Miguel Regueiro Balo, que acudiron cos seus respectivos vehículos.
Commentaires