Silleda acolle este verán campamentos dixitais gratuitos para a mocidade
- Laura Moure
- hace 9 minutos
- 2 Min. de lectura
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios
Laura Moure/Silleda
Este verán, a Casa da Xuventude converterase nun espazo de aprendizaxe tecnolóxica e creatividade co Campamento Dixital, unha proposta formativa e divertida dirixida á mocidade de idades comprendidas entre 9 e 17 anos, no marco da programación da Fundación Cibervoluntarios.

O campamento dividirase por franxas de idade. Así, para a rapazada de 9 a 13 anos celebrarase do 30 de xuño ao 4 de xullo; para os de 14 a 17 anos terá lugar do 14 ao 18 de xullo. Nos dous casos, o horario de celebración será de 10:00 a 13:00 horas na Casa da Xuventude, sita na rúa Trasdeza.
Publicidade
As actividades son completamente gratuítas, pero as persoas participantes deberán achegar o seu propio ordenador portátil ou tablet. Cada campamento contará cun máximo de 25 prazas. O prazo para participar está aberto ata o vindeiro 11 de xuño.
Para formalizar a inscrición deberase achegar a documentación (que está xa dispoñible na web municipal) a través do Rexistro municipal ou mediante a Sede electrónica do Concello. Todas aquelas persoas interesadas, poden contactar para máis información co departamento de Benestar Social no 986 592 037.
Publicidade
Estes campamentos forman parte da iniciativa Campamento Dixital, impulsada pola Fundación Cibervoluntarios dentro do programa CODI (Competencias Dixitais para a Infancia), co apoio do Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
Dende o Concello de Silleda, a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, destaca que a celebración destes campamentos son “unha oportunidade para desenvolver competencias dixitais e compartir experiencias entre a veciñanza máis nova”.
Comments